As TIC para o emprendemento centran boa parte dos OP de Lugo

xoves, 24 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

As concelleiras en funcións Rosana Rielo e Ana Prieto nunha rolda de prensa recenteOs Orzamentos Participativos de Lugo xa están a materializar iniciativas concretas, moitas das cales teñen o engadido extra de ser tecnolóxicas e participativas a partes iguais. Segundo informaron hoxe as concelleiras de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, estamos a falar de oito propostas de dinamización e de apoio ao emprendemento solicitadas pola cidadanía a través do portal dos OP locais. Dáse a circunstancia de que todo o relacionado co emprendemento e a formación innovadora abrangueu case a terceira parte das iniciativas da campaña.
Os 8 proxectos de emprendemento que desenvolverá o Concello no marco dos Orzamentos Participativos son sobre todo accións de adestramento, de capacitación e asesoramento a cargo de expertos e dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e PEME. O obxectivo común é implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das TIC, a innovación e a creatividade.
· A primeira das propostas, Programa 3C: Capital Creativo Competitivo comeza o luns, ofrecerá a 20 empresas e emprendedores capacitación e asesoramento personalizado para definir e reinventar os seus modelos de negocio co obxectivo de descubrir e implementar metodoloxías creativas que melloren a súa capacidade competitiva.
· Aprende a Medrar: trátase dun programa de consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer cliente e mantelos no tempo. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.
· Pílulas de coñecemento para emprendedores: proxecto a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.
· Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona “un viveiro de empresas a pé de rúa”, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía. O estudo desenvolverase entre febreiro e abril.
· Future Jobs Tools: unha iniciativa de formación dirixida a estudantes universitarios e de ciclos formativos, mulleres emprendedoras, autónomos e PEME interesados en coñecer as novas tendencias do mercado laboral, “marcadas polas novas tecnoloxías da información”. Impartiranse entre febreiro e marzo tres obradoiros baseados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La Aventura de Diana, en palabras das concelleiras “unha referencia na aprendizaxe da innovación”.
· Chatbot Learning: actividade dirixida a formar na aplicación da Intelixencia Artificial “de forma sinxela e práctica” a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Celebrarase en marzo.
· Lucus Raid, Emprende o Camiño: quince mozas e mozos con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que cobren a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.
· Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semestre do ano.

PUBLICIDADE