As novas tecnoloxías á procura dunha vida digna

mércores, 9 de marzo do 2011 Raquel Noya

A partir do vindeiro venres, 11 de marzo, dará comezo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, a sexta edición do curso Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano, que ten como principal obxectivo a aplicación das novas tecnoloxías á procura de servizos básicos para toda a humanidade, como auga potable, enerxía eléctrica ou medios de comunicación.
As xornadas están organizadas pola ONG Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF) en colaboración co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, e combina un amplo abano de contidos teóricos e prácticos.
O curso desenvolverase os fins de semana do 11, 12 e 12 de marzo e 8, 9 e 10 de abril e nel, perséguese dotar aos asistentes dunha visión global das causas e consecuencias da pobreza, fomentando un compromiso activo cos esforzos para erradicalas a través de modelos alternativos de desenvolvemento baseados nas TIC.
As charlas, que estarán abertas a todas aquelas persoas interesadas na cooperación para o desenvolvemento (especialmente ao voluntariado), contarán coa presenza de diversos colectivos, ONG e movementos sociais, como Cruz Vermella, Arela, Amigos da Terra, FORGA, Asamblea de Cooperación pola Paz, A Cova da Terra, Grupo Galego de apoio a FSC, Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, Laboratorio de Enxeñería Cartográfica (Cartolab) da UdC, Taller de Solidariedade e a propia ESF, entre outras.
A organización do mesmo concederá, alén dun diploma acreditativo, dous créditos de libre configuración para aqueles estudantes que asistan.

PUBLICIDADE