As novas narrativas dixitais estarán presentes na terceira edición do Carballo Interplay

martes, 12 de abril do 2016 Redacción

Séguenos chegando información da terceira edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio, e dende Código Cero continuamos dando conta, os días pasados, de todo o que vai vir. No certame da vila bergantiñá amosaranse as últimas novidades do mundo das novas narrativas contando con Andreu Meixide, un experto en non ficción web, e con Miriam Hernanz, responsábel do Laboratorio de innovación audiovisual de RTVE.es, o departamento da compañía de radio televisión pública adicado ás ferramentas e linguaxes audiovisuais como o webdoc, o vídeo interactivo ou a visualización de datos.
Andreu Meixide é un director e realizador de documentais (Soy Rambla2), webdocumentais (Parkcelona) e webseries (Bloc dels Pescadors); desta volta achegará unha masterclass sobre Narrativas dixitais de non ficción. Meixide é tamén responsábel de BccN Barcelona Creative Commons Film, CCMad e director de contidos de DocS.21 Festival Documental Narrativas Digitales de Zaragoza.
Pola súa banda, Miriam Hernanz, xornalista que formou parte do equipo fundacional da RTVE.es e que agora dirixe o Lab de RTVE.es, falará deste departamento da canle pública que aposta polas narrativas audiovisuais máis vangardistas. Hernanz especializouse na creación de webdocs e reportaxes interactivas, como JFK Sombras de un magnicidio ou Fracking, fiebre del gas; e baixo a súa dirección realizáronse os primeiros proxectos de VR de RTVE.es ou a primeira curta de ficción interactiva.
Emporiso, no Carballo Interplay deste ano tamén haberá estreas en exclusiva como a webserie en formato de falso documental Entertainment, inserida na categoría de novas narrativas. Os seus creadores, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a proxección dos novos capítulos desta webserie que conta a vida dos integrantes de Different Entertainment SL. Sainz e Segura son, tamén, os responsábeis do obradoiro de Creación dunha webserie que se desenvolverá a semana antes do festival en Carballo e para o que aínda hai prazas dispoñíbeis (máis información, na web).
Asemade, tamén se achegarán ao festival bergantiñán os Zopilote: Xosé Castro, Andrés Mahía e Carlos Ares, os tres guionistas máis senlleiros da ficción galega. Responsábeis de máis de trescentos guións, así como do deseño de máis dunha ducia de programas e series de televisión, entre as que salientan: Mareas Vivas, Terra de Miranda, Pepe o Inglés, Air Galicia, O Nordés e Era Visto! Aproveitarán para expor o seu Código Fonte Audiovisual, cunha proxección-conferencia na que repasarán as películas, series e artefactos audiovisuais que forman os seus referentes.
En canto a música, o dúo de hip hop galego Malandrómeda volve logo de cinco anos con dous LP´s que presentarán no concerto de clausura do Festival, o sábado 7 á tardiña no Pazo da Cultura de Carballo: Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta oito nomes do inimigo. Tamén asistirá a esta festa de peche a DJ Teresa da Praia.
Lembrar que todas as actividades do festival son de acceso libre e de balde até completar aforo.

PUBLICIDADE