As notas de voz efémeras chegan oficialmente a WhatsApp

xoves, 7 de decembro do 2023 Marcus Fernández

En WhatsApp podemos enviar fotografías e vídeos que se borran automaticamente tras a súa visualización dende hai un par de anos, como un xeito de incorporar unha nova capa de privacidade á aplicación de mensaxería, e dende outubro os usuarios da versión beta para Android de WhatsApp poden gozar desta mesma funcionalidade para as mensaxes de voz, resultando todo un éxito este período de probas, de aí que hoxe iniciasen o espallamento ao resto de usuarios de WhatsApp as mensaxes de voz efémeras.
Deste xeito, cando remitamos unha mensaxe de voz que pode incluír información sensible, podemos ter certa garantía de que o contido non se manterá por tempo ilimitado no teléfono do receptor nin poderá reenviarse, xa que tras a súa reprodución eliminarase totalmente.
Este tipo de mensaxes estarán marcadas cunha icona cun 1, que indica que o contido só está dispoñible unha vez, advertindo así ao receptor de que ten que procurar unhas boas condicións para a escoita das notas de voz efémeras, xa que non poderá escoitalas de novo.
Dende WhatsApp tamén aseguran que no futuro pretenden ampliar este tipo de comunicacións efémeras ás mensaxes de texto, o que pode resultar práctico para, por exemplo, comunicar credenciais de acceso ou outro tipo de información sensible.

PUBLICIDADE