As nosas tres universidades achegan o recoñecemento da experiencia profesional certificada polo CEPRAL

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, CPETIG, Marcos Mata Mansilla veñen de asinar o convenio de colaboración que permitirá o recoñecemento académico da experiencia profesional na área da enxeñería técnica informática avalada polo CPETIG a través do seu servizo CEPRAL. Deste xeito, as tres universidades galegas e a Universidade Oberta de Cataluña (UOC) outorgan xa este recoñecemento, grazas aos acordos que asinou o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia con estes catro centros docentes.
Coa sinatura destes convenios posibilítase que os profesionais poidan obter o Recoñecemento Académico da Experiencia Profesional (RAEP) no ámbito da informática a través dos certificados CEPRAL do CPETIG nas universidades devanditas.
Segundo informa a plataforma que preside Marcos Mata, CEPRAL é un servizo de Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais, un servizo que “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter una certificación da súa experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática”. Ademais do beneficio académico, os certificados CEPRAL facilitan aos técnicos da enxeñería informática a acreditación dos seus coñecementos e capacidades ante as empresas, de cara a afrontar un proceso de selección, ofrecéndolles un sistema de medición obxectivo.
Segundo engade Marcos Mata ao fío da metodoloxía a seguir para a obtención do aval, o Colexio expedirá os certificados para os alumnos das titulacións que se imparten nas tres Facultades de Informática da Comunidade Autónoma que así o soliciten. O número de créditos que se poderán recoñecer por acreditar experiencia laboral e profesional será o establecido nos plans de estudo correspondentes. Os certificados que emite o CPETIG a través do servizo CEPRAL baséanse en perfís profesionais. Nestes momentos están definidos e habilitados 13 perfís profesionais que van dende administrador de bases de datos, xestor de proxectos a programador de software para dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE