As nosas profesionais TIC convidan ás estudantes a enfiar a súa carreira profesional cara ao tecnolóxico-dixital

xoves, 25 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

De esquerda a dereita, Luz Castro, Noa Orizales, Marta Fernández e Maica García, este xoves na sede do CESGA

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) celebrou este xoves o Día Internacional das Rapazas nas TIC cunha xornada informativa con diferentes centros educativos galegos sobre a importancia de promover e reivindicar o papel da muller nos sectores produtivos ligados á tecnoloxía. Deste xeito, diversos representantes deste eido, o eido feminino das TIC, tiveron a oportunidade de falar directamente, a través de videoconferencia, coas que serán as vindeiras construtoras dun futuro tecnolóxico-dixital máis igualitario. Interese pola parte das nosas estudantes non faltou, e isto materializouse nun fluxo constante de preguntas e cuestións achegadas dende os centros cara ao CESGA, onde Luz Castro (Imaxin), Noa Orizales (Contidos Dixitais), Marta Fernández Bugeiro (Smarbites) e Maica García Rodríguez (Frutifri) falaron polo miúdo de cadansúa experiencia á fronte dunha empresa inserida de cheo na Sociedade do Coñecemento, como galegas, como mulleres e, por suposto, como profesionais dun sector en clara proxección: o sector TIC.
Xuntas coincidiron en moitas cousas, pero se cabe no que máis coincidiron foi en aconsellar ás novas xeracións femininas que non se poñan límites, que non teñan medo dun universo que segue a ser maioritariamente masculino (pero que dá sinais de querer virar cara ao igualitario, mesmo na nosa terra) e que teñan unha perspectiva global, traballando no mercado galego pero sempre co punto de vista no mundo.
Isto polo que respecta á segunda metade da actividade coa que se conmemorou o Día Internacional das Rapazas nas TIC (un evento promovido pola Internacional Telecommunications Union, da que España é membro, para loitar contra a fenda dixital feminina nas novas tecnoloxías). Porén, a primeira parte da xornada do CESGA tivo un compoñente máis institucional, cunha liña temática común que o centro de investigación galego resumiu deste xeito: “É preciso que as mulleres sexan parte activa na creación, non só no consumo, das tecnoloxías que marcan as nosas vidas”. A actividade celebrada en Santiago é froito dunha unión de forzas: a do Centro de Supercomputación de Galicia coa Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Igualdade, o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos e máis a Rede Galega de e-Learning. Foi, como dixemos, un acto presencial, pero tamén en liña, con varios centros conectados por multiconferencia e lanzando as súas dúbidas e cuestións acerca de como se atopa hoxe en día a Sociedade do Coñecemento dende unha vertente laboral.
O proxecto europeo ICT-GO-Girls!
Lembrar que o CESGA é o coordinador dun proxecto europeo de innovación educativa denominado ICT-GO-Girls!, no que, ademais do CESGA, participan a Universidade de Santiago de Compostela e 5 socios europeos de Austria, Polonia, Alemaña e Bélxica. Para falar deste proxecto xuntáronse no centro compostelán María R. Malmierca (CESGA), Beatriz Cebreiro López (USC) e Fernando Suárez, presidente CPEIG, para os que está claro que o problema da menor presenza de mulleres no sector (que non é un problema único da nosa terra, senón extensíbel a toda Europa, con maiores ou menores diferenzas), cómpre combatelo dende a raizame, é dicir, dende os primeiros chanzos da escada formativa e educativa. De aí que un dos seus espazos principais de traballo sexan os institutos, que é onde comezan a coller corpo definitivo as diferentes vocacións profesionais. Polo tanto, do que se trata é de contrarrestar a sobre presenza masculina nas TIC, algo que tampouco é exclusivo, por desgraza, deste ámbito produtivo.
O programa inclúe, entre outras moitas cousas, metodoloxías de aprendizaxe e probas para mellorar as habilidades emprendedoras das mozas que estudan Educación Secundaria a través das canles e as ferramentas 2.0. A aplicación práctica corre a cargo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Die Berater (Austria), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), Instituto Fraunhoffer IAO-Stuttgart Uni (Alemaña), CVO Antwerpen-Zuid (Bélxica) e Donau-Universitat Krems (Austria). Un dos obxectivos básicos é crear, escolmar e aplicar contidos educativos e de lecer xerados de xeito específico ao abeiro do proxecto para facilitar ás mozas o seu achegamento emprendedor ás TIC. “O proxecto”, engadiu hoxe o CESGA, “constrúese arredor de recursos e ferramentas de código aberto en acceso libre”. Por exemplo: simuladores de xogos, accións educativas, deseño dixital, creación de redes sociais entre as mozas participantes, escaparates virtuais de posíbeis empresas ou concursos.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, interviñeron hoxe no acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’/ Imaxe: Xoán Crespo

Apoio institucional no acto
A primeira metade da xornada, como dixemos, tivo meirande vertente institucional. Nela participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; o director da Axencia galega de Innovación, Manuel Varela e máis o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira. Xuntas/os salientaron a necesidade de superar a fenda de xénero nos estudos e nos empregos TIC, “un sector clave no desenvolvemento económico e con importantes posibilidades laborais polo seu carácter transversal”.
As profesionais dan o seu punto de vista
Polo que atinxe ao miolo da actividade de celebración desenvolvida no CESGA, a xeira de exposición de casos concretos de emprendemento galego e feminino no eido TIC, a primeira en intervir foi Luz Castro, a quen recentemente tivemos na nosa web para dar conta dun importante galardón do que foi obxecto: o que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, para distinguir a participación e o compromiso feminino a tódolos niveis do panorama tecnolóxico galego. Luz, co-fundadora dunha das empresas máis destacadas e experimentadas do eido TIC galego, Imaxin, falou no CESGA da súa experiencia formativa (é enxeñeira en Informática) e profesional, que colleu corpo ao rematar a carreira e ao coincidir cos seus compañeiros (e futuros socios) na necesidade de fuxir do que para moitas/os outras/os tituladas/os foi daquela o principal escenario de estrea profesional: o ámbito dos bancos. “Sabiamos que a informática non tiña por que ser aburrida, de feito é moi creativa e permite a difusión de grandes valores”. Luz leva xa 16 anos, cos seus socios, á fronte do proxecto Imaxin. Durante a súa conversa coas estudantes no CESGA animounas a seren creadoras de tecnoloxías amais de usuarias. Todas podemos facelo, dixo.
A seguinte en falar coas mozas foi Noa Orizales, responsábel de Contidos Dixitais, unha empresa galega especializada na creación de contidos multimedia para actividades de ensino en liña (e-learning), en definitiva: mantemento, aloxamento e deseño de aplicacións para os campus virtuais. Noa comezou falando da súa experiencia formativa, sobre o papel afastada do que teoricamente debera ser unha experiencia formativa específica para as TIC. De feito, estudou Humanidades, “unha carreira na que estudamos de todo menos tecnoloxía”, sinalou. Con todo, leva xa seis anos á fronte de Contidos Dixitais, en boa maneira unha proba de que se pode estar no eido das novas ferramentas en liña sen necesidade de ter formación específica. De feito, dixo, a Sociedade da Información admite todo tipo de perfiles. “Pensade”, falou ás rapazas, “con perspectiva de futuro e sen autolimitacións”. No seu caso persoal, a súa arela era traballar dende a súa terra, dende a súa aldea de Lugo, moi miúda, e lonxe das ocupacións laborais máis comunmente ligadas á súa formación. E grazas en parte ao seu interese e compromiso coas TIC e tamén a unha importante posta ao día noutras linguas diferentes ao galego (que che abre moitas portas no eido da lusofonía e achega imaxe de marca, pero que cómpre complementar con outras), acadouno. Neste intre, sinalou, a súa iniciativa desenvolve xa proxectos internacionais.
Logo de Noa, foi a quenda de Marta Fernández Bugeiro, CEO de Smartbites, unha iniciativa empresarial galega que se dedica á venda e distribución de produtos de alta gastronomía por Internet. Marta comezou falando de que a Rede permíteche facer cousas que antes eran imposíbeis, como por exemplo ampliar o radio de alcance dun establecemento gastronómico sen límites espaciais. Na súa iniciativa empresarial, ela achegou o compoñente tecnolóxico e o seu irmán a experiencia en restauración e gastronomía. “Non foi doado, pero tampouco é tan complexo como o pintan”, dixo, referíndose á súa andaina no sector TIC. Marta animou ás rapazas, conectadas co CESGA por multiconferencia, a apostar por este ámbito de traballo, porque lles pode permitir chegar a onde queiran. Deulles azos tamén para aprender outros idiomas, que son a chave fundamental para acceder a outros mercados.
Por último, interveu Maica García Rodríguez, CEO de Frutifri, que comezou a súa vertente profesional na avogacía até que decidiu, certo intre, que cumpría introducir un importante compoñente de innovación nunha actividade económica moi tradicional e moi ligada á nosa terra: a venda de froitas e verduras. A súa intención foi adaptar este ámbito produtivo á nova realidade dixital e ás novas demandas, sendo a base de traballo da que partiu o negocio familiar dos seus pais, que contaban con varios establecementos de venda deste tipo de produtos. Ela e máis o seu equipo (os seus irmáns) decidiron botarlles unha man aos seus pais, xa que o negocio levaba un tempo sen resultar especialmente rendíbel. “Animámonos a facer cousas como a lista semanal da compra dos clientes, caixas personalizadas, actividades de promoción de vida sa, consumo de produtos da nosa terra, e todo isto acompañado dunha web e máis un blog propios dende os que nos comunicamos cos nosos clientes, ferramentas de xestión, unha plataforma de comercio electrónico, etc”. A iniciativa, dixo, está funcionando. E todo grazas ao compromiso de innovación posto en xogo e, tamén, á presenza das novas tecnoloxías, que fixeron posíbel Frutifri e lle permitiron a Maica, a nivel persoal, que puidese conciliar dunha maneira máis axeitada a súa vida laboral coa familiar.

PUBLICIDADE