As nosas letras recuncan nas redes coa segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia

martes, 9 de marzo do 2021 S. P.

Volve o Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV21) coa súa segunda edición e baixo o seguinte lema: Reflexo da cultura. O certame é un evento fillo do seu tempo: naceu en 2020 no miolo da crise sanitaria e como unha resposta directa ás complexas circunstancias que estamos a vivir para evitar, en última instancia, que se derrubasen as pontes que unen ás editoriais e ás librarías cos lectores e lectoras. Tras a edición do pasado ano o FLIV volve para servir de “punto de encontro e escaparate da literatura galega”.
Desenvolverase de maneira virtual entre os días 26 e 28 de marzo de 2021 e o vindeiro luns 15 de marzo abrirase a web desta edición (www.fliv.gal) cos vídeos do Escaparate. O salón porá o foco en revistar a colleita literaria galega de 2020 e nas figuras de Pardo Bazán, Cunqueiro, Marcial Valladares, Faustino Rey Romero e Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano nas Letras Galegas.
Ademais, o FLIV 21 ofrecerá unha sección de contidos adicados ás artes escénicas para celebrar o Día Internacional do Teatro, o 27 de marzo. Esta segunda edición da FLIV conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Segundo informa a organización, a FLIV21 manterá un sistema operativo similar ao da primeira edición, celebrada en xuño de 2020. Desde a web da feira poderán seguirse todas as actividades da programación do festival en cada un dos espazos de encontro virtual. Estes darán acubillo ás intervencións, que se celebrarán baixo diversos formatos: charlas, mesas redondas, conversas ou debates, presentacións de libros e tamén intervencións teatrais.
A nivel temático, nesta segunda entrega do evento poderán afondarase en cuestións de actualidade como as consecuencias da pandemia no sector, as características da novela construída desde a memoria persoal e comunitaria, as novas maneiras de creación poética ou os roles masculinos no ámbito do audiovisual.
Formará parte da programación o apartado Teatro Interruptus, una sección escénica que este ano contará coa colaboración da revista Erregueté.
Asemade, manterase a sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do festival a partir do vindeiro 15 de marzo.
Entre os autores que xa teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre Xela Arias; e as autores que debaterán sobre literatura infantil e xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene Fernández, Antía Yañez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a narrativa tamén están confirmados, Xesus Fraga, Suso de Toro e Berta Dávila, moderados por Esther Gómez.

PUBLICIDADE