As mulleres representan o 33,4% do tecido laboral do hipersector TIC

luns, 17 de agosto do 2020 S. P.

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente de AMTEGA, publicou estes días unha nova edición do estudo temático As mulleres e as TIC, no que se fai unha detallada radiografía da presenza feminina no eido das novas tecnoloxías poñendo o foco na nosa terra e nos principais avances e obstáculos na loita contra a fenda dixital de xénero. Na nova edición do estudo faise saber que o hipersector TIC (sectores tecnolóxico e de contidos) aglutinaba en 2019 un total de 8.119 mulleres, o 33,4% dos empregados deste escenario dixital.
Dentro do hipersector, o ámbito dos contidos é o eido no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,5%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,1%.
Por actividades, as relacionadas coas telecomunicacións son as que contan cunha maior porcentaxe de mulleres, cun 38,9% de traballadoras femininas; en segundo lugar atoparíanse as empresas dedicadas ás actividades Informáticas, onde as mulleres representan o 30,4% do persoal.
En termos evolutivos, no ano 2019 as afiliacións á Seguridade Social no hipersector TIC incrementáronse en 1.030 persoas o que supón un crecemento do 4,4%. Atendendo ao xénero feminino, o crecemento desta suma de sectores TIC foi do 2,9%, o que se traduce en 228 mulleres empregadas máis que o ano precedente.
No estudo faise saber que este incremento de traballadoras resulta semellante no sector TIC e no sector contidos “se falamos en termos porcentuais, sendo en ambos casos do 2,9%”. Se consideramos números absolutos, o sector TIC creou máis postos de traballo cubertos por mulleres que o sector contidos, 165 e 63 respectivamente.
No caso do sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social acadou as 5.899 traballadoras, cun incremento dun 2,9% respecto ao ano 2018. “Non obstante”, explícase no estudo, “a fenda de xénero continúa a súa escalada debido ao maior crecemento do emprego masculino (5,3%)”.
Un ano máis o sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do hipersector TIC, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%, empregando un total de 2.220 mulleres.
Perfil das mulleres TIC en Galicia
O 70,9% das empresas TIC galegas contan con mulleres entre os seus traballadores, delas, só no 9,3% máis da metade do persoal son mulleres.
Respecto ás funcións desenvolvidas nas empresas TIC galegas, o 16,4% das mulleres desenvolven tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,8% dos homes. Por outra banda, o 19,4% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección
En canto á formación, mentres que o 22,1% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC superior ou media, unicamente o 8,6% das mulleres atópanse na mesma situación formativa. No caso dos ciclos formativos superiores TIC, cabe salientar os 16 puntos porcentuais de fenda de xénero existente, a maior de todos os niveis formativos.

PUBLICIDADE