As mulleres políticas e xornalistas reciben en Twitter ataques máis virulentos cós homes

venres, 24 de decembro do 2021 S. P.

Os usuarios das redes sociais son especialmente virulentos e violentos coas mulleres que cos homes. Este dato, que xa se sabía de diferentes maneiras, vén de ser confirmado e exemplificado por un estudo da Universidade de Vigo elaborado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a docente da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro, xunto cun equipo de investigadoras e investigadores das universidades Complutense de Madrid e Oberta de Catalunya, ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 da Deputación de Pontevedra e a UVigo. No estudo dise que as mulleres da política e as xornalistas son obxectivo de ataques moito máis persoais e virulentos cós seus homólogos varóns.
Amais, as ditas profesións son con toda probabilidade as que máis odio xeran en redes sociais como Twitter, unha realidade que se acrecenta aínda máis no caso das mulleres. De xeito confírmase novamente que este tipo de servizos de comunicación son o caldo de cultivo ideal para as persoas que insultan e agóchanse logo na confortabilidade do anonimato.
Diferentes formas de violencia machista
Tras constatar nun estudo anterior que políticas e xornalistas eran as profesionais máis insultadas en Twitter, este proxecto buscou afondar nas “formas de violencia machista dixital” ás que estas profesionais teñen que facer fronte no seu día a día. Poñendo o foco no devandito, o estudo abrangueu a análise tanto dos chíos publicados ao longo dun ano, como das mencións aos perfís de 20 políticas e xornalistas e outros 20 políticos e xornalistas homes que, pola súa posición, poderían “considerarse equiparábeis”. Os resultados amosan como se ben os profesionais varóns “teñen un maior impacto en Twitter, tamén negativo”, son elas as que “sofren os ataques máis persoais e máis virulentos”, á vez que padecen en maior medida os insultos destinados ao colectivo que representan.
Segundo explica Rolán, a investigación abrangueu o seguimento durante un ano das publicacións realizadas en Twitter por vinte mulleres políticas e xornalistas, o 40% delas vencelladas á provincia de Pontevedra, e doutros 20 xornalistas e políticos cunha “posición análoga”, así como as mencións, directas e indirectas, aos seus perfís neste período. Entre as contas estudadas atopábase a da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a do seu homólogo na da Coruña, Valentín González Fomoso; as da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, e o secretario xeral do PP, Teodoro García Ejea, e os da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG no momento no que se realizou o estudo, Gonzalo Caballero. En total, esta análise de contido automático abrangueu 64.000 publicacións e máis de tres millóns de “mencións indirectas”, das que logo empregouse una “submostra” de 770 para a realización dunha “medición de sentimento manual”. Este cómputo permitiu constatar como o 16% dos chíos dirixidos a políticas contiñan insultos, fronte ao 13% dos destinados aos seus homónimos varóns. Pola contra, tanto os políticos como os xornalistas homes recibían “mencións negativas” nunha porcentaxe superior, un 42% fronte a 31%, mais as profesionais sufrían en maior medida “os ataques máis persoais e virulentos”. Políticas e xornalistas, así mesmo, eran vítimas nunha maior porcentaxe, un 21% fronte a un 6%, dos insultos dirixidos ao colectivo ao que pertencen.

PUBLICIDADE