As mulleres e as nenas de Ames rompen estereotipos no Día da Muller e a da Nena na Ciencia

xoves, 11 de febreiro do 2021 Redacción

O Concello de Ames quixo celebrar con moita repercusión, este xoves 11, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. E fíxoo realizando un vídeo protagonizado por veciñas do termo municipal “co obxectivo de mostrar o labor das mulleres neste campo”. As Concellerías de Promoción Económica e de Igualdade foron as responsábeis desta iniciativa que, producida pola empresa Mirabelle Produccións. Ademais, distribuirase en diferentes formatos e plataformas.
O vídeo recolle as contribucións de rapazas e adultas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñarías e Matemáticas). O audiovisual recolle o traballo que fan nenas como Laura Montaña e Rosana Fernández do IES Ames; Clara González e Antía Somoza, xunto coa súa profesora Mónica Parente, no IES do Milladoiro; Martina Rey Pérez, Aixa Tarrío Mato, Enma Martinez Carrillo e Adriana Trenco Varela, alumnas do CEIP de Barouta. Ademais, neste traballo audiovisual tamén aparecen Sara Zendón e Elena Ventoso, do CEP Plurilingüe de Ventín; Aldara Domínguez e Candela Penedo do CEIP A Maía, e Zoe Glasscock e Julia Abelleira do CEIP Agro do Muíño.
En canto ás mulleres que se adican á ciencia e á innovación en Ames, o vídeo mostra empresas innovadoras con sede no termo municipal de Ames. Deste xeito, participan Paula Rey, responsábel de calidade da empresa Conic Vascular España; Paz Dapena, xefa de proxectos da empresa Bahía Software; e Berta Caro, directora de corporativo da empresa Tecalis. Ademais, participan no proxecto Victoria Otero Espinar, unha investigadora matemática, que dispón dunha experiencia en investigación de 32 anos e cunha experiencia como docente de 34 anos, e Magdalena Seco, médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.
#NoMoreMatildas
Por outra banda, cómpre destacar que o Concello de Ames únese ao movemento #NoMoreMatildas, que nace da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas para denunciar as consecuencias do Efecto Matilda, que non é outro que o de non recoñecer os logros das mulleres científicas cuxo traballo se atribuía na maioría das veces aos seus colegas masculinos ou mesmo aos seus maridos, e que conta co respaldo do Parlamento Europeo.
Dentro desta campaña realizouse un vídeo onde se reflexiona sobre a seguinte pregunta (entre outras cuestións): que tería pasado se Einstein houbese sido muller en lugar de home?
Dende a Concellería de Igualdade, anímase a todas “as nosas Matildas”, nenas, mozas, profesionais, mulleres de ciencias a que visualicen o seu apoio ao movemento subindo fotos ás redes co cancelo #NonMaisMatildas e etiquetando ao Concello de Ames (@ConcelloAmes en Twitter; @Concello de Ames en Facebook; e @concellodeames en Instagram).

PUBLICIDADE