As mulleres do rural galego esixen máis e mellores accesos ás redes da información

venres, 25 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Non todos os colectivos da cidadanía teñen as mesmas opcións de acceder á Sociedade da Información pola porta axeitada. E enténdase por “facelo por unha porta axeitada” a entrar cun método, con alguén que nos guíe e cunha infraestrutura acorde, e na procura dunha utilidade que lle dea sentido ó dixital. Entre estes colectivos de risco atopamos ás mulleres do rural, que dende a aparición da Internet viron como se lles escatimaban en moitas ocasións as oportunidades, a formación e a tecnoloxía máis indicada. Co fin de buscar solucións a isto, Agestic vén de asumir en Galiza o desenvolvemento do programa estatal Nin Máis Nin Menos, encamiñado a afondar na igualdade de xénero no dixital.
A iniciativa, que arrancou este xoves 24 na Fundación Caixa Galicia de Lugo, consiste nunha serie de xornadas sobre o acceso da muller galega ás novas ferramentas.
A xornada de Lugo, a primeira do programa na nosa terra, centrouse no sector primario e nas vantaxes que lle pode supor o emprego das redes do coñecemento (calidade de vida, competitividade, apertura de mercados, etc), e contou coa presenza de promotoras empresariais de establecementos de turismo rural, de distribución de peixe ou de plantas de elaboración de derivados lácteos. Amais destas mulleres emprendedoras do rural da nosa terra, acudiu ó primeiro dos encontros un número importante de especialistas en novas tecnoloxías.
Máis polo miúdo, entre as asistentes (que empregaron unha boa parte da xuntanza en intercambiar experiencias e procurar oportunidades para os seus negocios a través das novas ferramentas tecnolóxicas) estivo María Paz Pena, responsable dunha firma de gandería dedicada á produción de queixos en Friol, quen fixo fincapé nun dos grandes atrancos que teñen as mulleres do rural de cara a botar man das vantaxes das redes: a ausencia de boas infraestruturas de acceso. No seu caso, indicou que isto lle obriga a viaxar decote dende a sede do seu negocio a un centro industrial afastado abondo. Ó seu xuízo, “as mulleres que viven lonxe das cidades terían máis opcións de emprender negocios coa axuda destas tecnoloxías”.
Ó longo do día tamén interveu (entre outras mulleres emprendedoras) Concepción Blanco, quen aproveitou para criticar a calidade da conexión ás novas tecnoloxías que non desenvolven o seu labor preto dos espazos urbanos. Blanco, quen dirixe as áreas de exportación e loxística de Pescados Rubén, considera que un bo acceso ás redes é hoxe en día fundamental, sobre todo se o teu obxectivo é seguir un ronsel semellante ó da súa empresa, o da exportación e a internacionalización, proceso hoxe en día complicado se non se ten a man a Internet ó completo e con todas as súas vantaxes.
A Vindeira cita
O foro Nin Máis Nin Menos continuará ó longo deste inverno en diversos puntos de Galiza. A vindeira cita será o 7 de febreiro na Coruña, onde se afondará no papel das novas tecnoloxías no sector do comercio e os servizos en chave de igualdade entre os homes e as mulleres, segundo informa Agestic.

PUBLICIDADE