As mulleres do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño, recoñecidas por AMTEGA

xoves, 21 de decembro do 2017 Redacción

Amais do proxecto Innova Narón, de cuxa distinción por parte do Goberno galego falamos onte en Código Cero, o Premio Son Dixital que concede a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) recoñeceu tamén o importante labor despregado pola aula CeMIT, as usuarias da aula e o Concello de San Sadurniño ao abeiro da iniciativa Teño unha horta en San Sadurniño. O galardón a este proxecto tecnolóxico-social, o accésit de Son Dixital, foilles concedido ás impulsoras-integrantes da proposta por representantes da Xunta (axencia AMTEGA) e da rede CeMIT.
Segundo reflicte o Concello de San Sadurniño, a distinción vai dirixida ás protagonistas de Teño unha horta en San Sadurniño: Carmen Suárez (coordinadora da iniciativa), Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa. Por outra banda, o Concello tamén sinala que se trata dun recoñecemento ás posibilidades dinamizadoras e formativas das TIC para as persoais maiores: como poden empregar a tecnoloxía de forma útil.
Como lembraremos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020. Esta primeira edición tivo como obxectivo “recoñecer o traballo das persoas”, tal e como sinalou Fernando Gil, Xefe da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.
Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto gañador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xestionado pola Asociación Nosa Señora de Chamorro e as persoas con diversidades motrices e cognitivas que participan acotío nos seus obradoiros. Un accésit veu para San Sadurniño e o outro levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.
O proxecto de San Sadurniño acadou a devandita distinción por tratarse, segundo o fallo do xurado, dun “bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural”, salientando polo seu “carácter innovador” no xeito de transmitir o traballo e a tradición do noso pobo e das nosas mulleres a través de YouTube. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia premiou os “relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida adicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas”. Fernando Gil recoñeceulles o mérito ás protagonistas: “é de xustiza darvos este premio. O voso proxecto é unha realidade. Foi importante para vós, para que fixerades ver o voso traballo e para que se vexa tamén San Sadurniño”.

PUBLICIDADE