As mulleres de Santiago fórmanse online nun curso TIC impartido por Compostela Monumental

luns, 13 de abril do 2020 S. P.

A Asociación Compostela Monumental segue adiante coa súa intensa actividade de formación para favorecer a empregabilidade das mulleres con contidos tecnolóxicos e, tamén, con recursos que axuden a superar con información avanzada o parón produtivo, económico, social e docente da crise sanitaria. Segundo informa a entidade, esa semana inícianse dous novos cursos online: por unha banda TIC, redes sociais e marca persoal e, pola outra, Manipulación de alimentos.
O primeiro, o que se centra nas comunidades dixitais e nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), ten como obxectivo “dar a coñecer ás alumnas as distintas redes sociais existentes de face á procura de emprego e aprender a xestionar a marca persoal de cada unha delas”. Teresa Hernández, técnica orientadora de Compostela Monumental será a encargada de impartir esta acción formativa de 15 horas e que está prevista que finalice o próximo día 24 de abril.
Ao mesmo tempo, levarase a cabo dixitalmente o Curso de Manipulador de Alimentos, impartido por Recursos Galicia e cunha duración de 10 horas, estando previsto o seu remate para o día 20 de abril. As alumnas participantes no mesmo adquirirán os coñecementos básicos en materia de hixiene e seguridade alimentaria.
Estas accións forman parte do itinerario formativo de turismo e comercio do programa integrado de emprego de Compostela Monumental en colaboración coa Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia. Nestes momentos Compostela Monumental ten activo un terceiro curso virtual, Prevención de Riscos Laborais, que remata o día 27 deste mes.

PUBLICIDADE