As mulleres da contorna compostelá melloran coas TIC a súa empregabilidade

venres, 8 de febreiro do 2019 Redacción

O Concello de Santiago está a impulsar no edificio Cersia o programa integrado de emprego Santiago E-Com, que se celebra até o mes de outubro con 100 mulleres do municipio. Está dirixido á mellora da empregabilidade e a inserción laboral a través do desenvolvemento dun itinerario que abrangue distintas accións, poñendo o foco en cuestións tan relevantes para concorrer no mercado de traballo como o adestramento e novas ferramentas dixitais. Onte o obradoiro foi visitado pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.
As mulleres participantes recibirán información, orientación e asesoramento, ao mesmo tempo que mellorarán as súas habilidades sociolaborais e recibirán formación en novas tecnoloxías e idiomas. Amais, o programa inclúe talleres sobre mobilidade laboral que proporcionarán información dos recursos dispoñíbeis no territorio da Unión Europea.
Ao abeiro do programa levaranse a cabo dous tipos de formación: obradoiros de competencias transversais, tanto informativas como idiomáticas, informáticas e de inserción; e cursos de cualificación profesional centrada nos sectores comerciais, hostaleiros e se servizos turísticos. Neste caso desenvolverase a través dos seguintes itinerarios formativos: mercadotecnia e comercio internacional, recepción en aloxamentos, confección de páxinas web e actividades auxiliares de almacén.
Segundo informa o Concello, “para facilitar os procesos de ensino-aprendizaxe e a actividade técnica, incorpórase de xeito significativo a utilización das novas tecnoloxías, especialmente mediante a utilización dun aplicativo específico para a xestión das accións recollidas no programa”.

PUBLICIDADE