As mozas e mulleres tecnólogas reivindicaron no CESGA as contribucións femininas ao progreso tecnolóxico

xoves, 27 de abril do 2023 S. P.

Este xoves 27 de abril celebrouse a undécima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), encontro encamiñado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) foi o lugar elixido para levar a cabo este evento, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade e o dito CESGA, dependente da Axencia Galega da Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
O acto de inauguración contou coa presenza de Luis Orosa, director do CESGA, a coordinadora da Área de e-Learning do CESGA, María José Malmierca, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Esta última, que participou por vídeo-conferencia, salientou a importancia de fomentar as vocacións tecnolóxicas; en concreto as carreiras coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) entre as mulleres e desde idades temperás para que poidan elixir as súas carreiras profesionais “sen estereotipos, sen prexuízos e sen presións”. En palabras da conselleira, é obriga das institucións públicas e da sociedade en xeral “romper estereotipos, proporcionar acceso á tecnoloxía e recursos, ofrecer oportunidades de aprendizaxe e fomentar a participación en grupos e comunidades que se centran nas TIC. E engadiu: “Para alcanzar a paridade de xénero é preciso fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as mozas para que consideredes iniciar unha carreira en profesións dixitais que teñen unha gran demanda”.
Logo da inauguración, esta xornada desenvolvida en formato de multiconferencia web (en conexión directa con 650 estudantes de Primeira e Secundaria de dúas ducias de centros docentes de toda a xeografía galega, incluídas as medio cento de rapazas do CEIP Pío XII de Santiago que se achegaron en persoa até a sede do CEGA para participar tamén nas actividades) chegou a un dos intres álxidos da axenda programada, cunha mesa redonda a catro bandas, moderada por María José Malmierca, no que catro tecnológas da nosa terra explicaron as moitas razóns polas que as carreiras STEM son unha boa alternativa formativa para as mozas.
Na mesa participaron catro senlleiras representantes da investigación e o emprendemento en novas tecnoloxías: Mariamo Mussa Juane (Física e traballadora do CESGA), Esther Medina (Enxeñeira de Telecomunicacións e xefa de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG), Alba Meijide (licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, é consultora e deseñadora de proxectos baseados en Intelixencia Artificial para empresas) e Carmela Troncoso (Enxeñeira de Telecomunicacións galega e profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza, dirixe o Laboratorio SPRING).
Dende os centros escolares, as rapazas e rapaces puideron enviar as súas preguntas en directo ás tecnólogas convidadas, co obxectivo de clarificar conceptos e inspirarse nas súas respectivas experiencias tecnolóxicas. Asemade, de xeito presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes realizou unha visita guiada ao supercomputador Finis Terrae III e participron nun obradoiro tecnolóxico.
Xa pola tarde, puxéronse en marcha outros obradoiros tecnolóxicos dirixidos a rapazas e rapaces de entre 10 a 16 anos, presentados por un grupo de mozas galegas, 5Girls4Techno, gañadoras dun premio internacional por crear a mellor APP europea en Technovation Girls o pasado ano. Alén disto, houbo xogos e visitas guiadas ao supercomputador FinisTerrae III.
Engadir que dende 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras nas TIC na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.

PUBLICIDADE