As mozas de familias disgregadas son as que máis sofren o ciberacoso

venres, 29 de decembro do 2017 Redacción

O ciberacoso é unha realidade que está aquí e contra a que temos que facer fronte común. Porén, para acadar a máxima efectividade é preciso esculcar polo miúdo na realidade do problema e dar con todas as causas do mesmo, mesmo coas máis (en aparencia) insignificantes. Isto é o que vén de facer, precisamente, un grupo de investigadoras/es da Universidade de Vigo: tentar coñecer quen acosa, quen adoita recibir o acoso e como se xera e materializa e en que ferramentas. Segundo fan saber, a vítima máis común destas prácticas é unha moza de entre 13 e 15 anos procedente de familias disgregadas.
Na outra beira sitúanse os nenos de 12 anos de familias sen disgregar. Ademais, no estudo sinálase que un 15,3 por cento dos adolescentes galegos practicou algunha vez ciberacoso e, tamén, que para levar a cabo estas prácticas, quen as infrinxe prefire o teléfono móbil.
Estes e outros datos figuran no estudo Cyberbullying escolar: incidencia del teléfono móvil e internet en adolescentes, desenvolvido polos investigadores José Domínguez Alonso, Elia Vázquez Varela e Sandra Núñez Lois en Relive, Revista Electrónica de Investigación e Avaliación Educativa.
Segundo se fai saber na dita publicación, a mostra final estivo formada por un total de 749 alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos. Como dixemos, o traballo pon de manifesto a “lixeira prevalencia” dos actos de acoso a través do teléfono móbil (18.6%) sobre Internet (12%) dos adolescentes. Así mesmo, a investigación reflicte que entre as formas de comportamento que implican agresións, tanto a través do teléfono móbil como de nternet, despuntan a denigración e a violación da intimidade.

PUBLICIDADE