As metodoloxías para acelerar a transferencia de coñecemento, ao detalle no novo Foro Ignicia

martes, 13 de xullo do 2021 S. P.

Este venres 16 de xullo temos unha cita coa transferencia tecnolóxica e cos recursos e mecanismos que axilizan o fluxo de coñecemento innovador e contribucións tecnolóxicas dende a comunidade investigadora ata as empresas. Estamos a falar do Foro Ignicia, evento impulsado pola Axencia Galega de Innovación e a Fundación Barrié, dirixido a mostrar como poñer en valor os resultados da actividade investigadora, poñendo o foco nas metodoloxías para transformala en riqueza empresarial.
O evento, presidido polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e polo presidente da Fundación Barrié, José María Arias, terá carácter mixto presencial-virtual, con inscrición aberta para un número de prazas limitado e para a retransmisión vía streaming.
O obxectivo do foro é “compartir coñecemento sobre a situación da transferencia de resultados de investigación en Galicia en relación co contexto español e europeo, así como abrir un marco de reflexión e de actuación de cara ao futuro”.
Durante o evento, presentaranse dous estudos promovidos pola Axencia Galega de Innovación e a Fundación Barrié. O primeiro deles, A transferencia de resultados de investigación no Sistema Galego de I+D. Informe 2011-2018, ofrece unha panorámica detallada de todos os indicadores relevantes sobre as capacidades dos centros de coñecemento de Galicia no relativo á posta en valor no mercado das contribucións que xeran. Pola súa banda, Análise organizativo e funcional das unidades de transferencia do Sistema Galego de I+D céntrase na análise da organización das unidades que xestionan a transferencia nos centros galegos, a súa actividade e o perfil dos seus profesionais.
Ambos os dous informes inclúen recomendacións emitidas por un panel de expertos de recoñecido prestixio para optimizar o rendemento da transferencia de coñecemento en Galicia e superar os retos de futuro aos que se enfrontan os centros neste eido.
As claves do escenario retratado mediante estes dous informes serán o marco para a reflexión conxunta durante o foro por parte de Fernando Galindo-Rueda, economista sénior da Dirección de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), e Rogelio Conde-Pumpido, coordinador do estudo A transferencia de resultados de investigación no Sistema Galego de I+D. Informe 2011-2018.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentará as claves do Programa Ignicia-Transferencia de Coñecemento, unha visión xeral que se completará coa experiencia dos promotores de dúas spin-off galegas apoiadas polo fondo de proba de concepto asociado ao programa: ALiCE Biometrics (a primeira empresa nacida do centro tecnolóxico Gradiant) e Celtarys (iniciativa de emprendemento xurdida da Universidade de Santiago de Compostela). Ademais, Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, analizará a interacción empresa-universidade ante os novos retos socioeconómicos.
Finalmente, Fernando Conesa, xefe do Servizo de Promoción e Apoio á Investigación, Innovación e Transferencia na Universidad Politécnica de Valencia, expoñerá a súa visión sobre o desenvolvemento profesional de xestores/as e investigadores/as no ámbito da posta en valor do coñecemento.

PUBLICIDADE