As mensaxes de texto polo móbil en España, cinco veces máis caras ca en Dinamarca

luns, 12 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

As mensaxes de texto a través do móbil (SMS), un dos métodos de comunicación máis espallados entre mozos e non tan mozos, non son tan baratas como nos queren facer crer as operadoras que traballan en España. Segundo se conta na web ADSLZone reflectindo datos de El Economista, enviar un texto mediante o noso dispositivo móbil e dende un operador tradicional (Orange, Vofadone ou Movistar) custa 15 céntimos de euro, cifra que se ben é relativamente accesible ten ben pouco que facer se a comparamos co que se cobra polo mesmo servizo en países como Dinamarca (3 céntimos), Noruega ou Suecia (6 céntimos). A situación, unha vez máis desfavorable para quen vive no Estado español (onde tamén se ten rexistrado un dos servizos de rede de alta velocidade máis altos de toda a Unión Europea, entre outras condenas), está a demorar o emprego deste servizo de SMS malia tódalas vantaxes que pon en xogo.
Deste xeito, no período dun mes, cada liña de telefonía móbil española supón o envío de 17 de mensaxes de media, poñéndose a cifra nos devanditos países nórdicos preto dos 180. Con todo, non é preciso afastarse tanto. No país irmán, Portugal, a taxa achégase aos 150, cifra que está moi lonxe da que se acada no Estado español.
Asemade, o número de SMS enviados en 2009 foi de 8.235, o que choca un pouco cos case 9.000 que se subministraron en 2008 dentro do Estado. As compañías, pola súa parte, bótanlle as culpas ao desleixo dos clientes, que ao seu xuízo é probable que non estean a tirarlle o partido debido ás promocións ou ofertas que decote poñen en marcha para o envío de mensaxes máis baratas ou mesmo de balde.

PUBLICIDADE