As medidas anti-descargas caen da Lei de Economía Sustentable

martes, 21 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Tras varios meses de polémica, a coñecida coma Lei Sinde chegou ao Congreso, onde a Comisión de Economía rexeitouna por 20 votos a 18, de xeito que a Lei de Economía Sustentable (LES) vai ter que prescindir da súa disposición final segunda que permitía o peche de páxinas web que vulnerasen os dereitos de propiedade intelectual, medida que contaba cun grande rexeitamento público e que só foi apoiada polo PSOE.
O Grupo Socialista procurou chegar a acordos con CiU, o PNV e incluso o PP para levar adiante a Lei Sinde, con pouca fortuna, de xeito que a LES continuará o seu rumbo sen tal disposición, debaténdose a partir do 18 de xaneiro.
O PNV foi un dos grupos máis rotundos no rexeitamento da lei anti-descargas, sostendo que o tema debería tratarse a través dunha completa reforma en profundidade da Lei de Propiedade Intelectual e non dentro do caixón de xastre que parece a LES (en palabras do voceiro de ERC).
Dende FACUA-Consumidores en Acción fixeron pública a súa satisfacción ante o resultado da votación do Congreso dos Deputados na que eliminaron a Lei Sinde da LES, o que consideran que foi en boa medida froito do rexeitamento cidadán do que quedou constancia na recollida de 29,755 sinaturas que fixeron dende FACUA. Dende a asociación aseguran que seguirán mobilizándose e pedindo a colaboración dos usuarios contra unha política de criminalización dos cidadáns ao ditado das entidades de xestión de dereitos de autor e as multinacionais que dominan a industria cultural.

PUBLICIDADE