As máquinas intelixentes terán protagonismo no Día da Enxeñaría en Ferrol

xoves, 7 de marzo do 2019 Redacción

O vindeiro 15 de marzo imos ter na nosa terra innovación e ciencia a esgalla. Estamos a falar celebración do Día da Enxeñaría, unha xornada de portas abertas no Campus de Ferrol que ten o triplo obxectivo de cazar novos talentos, estimular capacidades e, tamén, mostrar o noso potencial investigador e desenvolvedor. O evento vén da man da Escola Politécnica Superior (EPS) e a Escola Universitaria Politécnica (EUP), en colaboración co Campus Industrial e o Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE) da Universidade da Coruña. Haberá accións sobre máquinas intelixentes, robótica e industria sustentábel.
A cita será, o vindeiro venres 15 de marzo, ás 09:30 horas, no salón de graos da Escola Politécnica Superior. Esta nova edición do Día da Enxeñaría inclúe novamente visitas aos dous centros e máis aos seus laboratorios.
A EPS, en Esteiro, oferta os graos en Enxeñaría Mecánica, Tecnoloxías Industriais e en Enxeñaría Naval e Oceánica. Para que o alumnado de ESO, Bacharelato ou FP e o público en xeral coñeza máis polo miúdo estas titulacións, a dirección do centro porá en marcha as seguintes actividades: Buques e ondas: a canle de ensaios hidrodinámicos, Simulación de máquinas e vehículos e Robótica autónoma.
Pola súa banda, a EUP, en Serantes, na que se imparten os graos en Electrónica e Automática Industrial e en Enxeñaría Eléctrica, presentará tres actividades: A enxeñaría eléctrica, motor de cambio, Contrólao todo: a automática e a electrónica e Da automatización a Ligths Out Factory. A EUP está a traballar para implantar o que será o primeiro grado dual do Sistema Universitario Galego, no que o alumnado fará parte da súa formación nunha empresa, co Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Segundo informan as escolas organizadoras, os centros de ensino ou persoas interesadas en participar na xornada de portas abertas deberán enviar un correo cos seus datos persoais a oficina.campusindustrial@udc.es ou ben chamar ao 881 013 621.

PUBLICIDADE