As intelixencias artificiais aplicadas na tradución centrarán un congreso internacional na UVigo

xoves, 7 de decembro do 2023 S. P.

Ramón Méndez, Óscar Ferreiro, Emmanuel Bourgoin e José Yuste no Museo do Videoxogo (o MUVI de Cangas)

O Campus de Vigo acollerá no mes de marzo a primeira edición dun congreso científico-divulgativo sobre novas ferramentas para a tradución, con especial énfase na Intelixencia Artificial e no seu potencial para a comunicación entre linguas. Estamos a falar do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT-2024_Uvigo_T&P.
Celebrarase entre os días 20 e 22 tanto en modalidade presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo como en modalidade virtual. O simposio terá unha dobre vertente, unha científica dedicada ao diálogo investigador arredor de tres eixes científicos principais e outra esencialmente divulgativa, concentrada en seis obradoiros formativos que achegarán o alumnado á práctica profesional da tradución.
Dirixido e organizado por Óscar Ferreiro Vázquez, Emmanuel Bourgoin Vergondy, José Yuste Frías, Ramón Méndez González e Karl Schurster, membros do Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), este é o primeiro evento científico dunha serie que, ao longo dos próximos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas que afectan á tradución entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia, tanto en pantalla como fóra dela, dende a perspectiva teórica, didáctica e profesional da paratradución.
O simposio, no que tamén colabora o Grupo de investigación Tradución y Discurso Especializado (Tradies) da Universidad de Córdoba, tamén busca promover o diálogo entre o uso das linguas e das novas tecnoloxías dixitais con achegas e debates científicos nas cinco linguas do congreso: español, galego, francés, inglés e portugués.
Os tres eixes científicos arredor dos que xira o congreso, e para os que o prazo de envío de contribucións está aberto ata o 26 de febreiro, abranguen diversos eidos temáticos de investigación en tradución e interpretación e no ensino de linguas dende a perspectiva das novas tecnoloxías e ferramentas dixitais aplicadas na actual cibercultura das pantallas. O primeiro eixe céntrase na tradución e interpretación na era dixital, o segundo abrangue a pedagoxía e didáctica dixitais das linguas e, finalmente, o terceiro aborda as intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas.
No seu transcurso impartiranse seis obradoiros prácticos centrados noutros tantos ámbitos directamente relacionados coa docencia impartida no Doutoramento Internacional Tradución & Paratradución (T&P), o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) –Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia– e o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV). Estes talleres son: Introdución á actividade investigadora: primeiros pasos, publicacións e congresos; Taller de tradución e adaptación de manga; Xoga ben as túas cartas! Taller creativo de tradución de xogos de mesa; Aos mandos da tradución: conceptos básicos da localización de videoxogos; Como se fai un libro traducido? e, finalmente, Fiscalidade e protección social para tradutores.
A asistencia ao congreso sen presentar comunicación será de balde para todo o público, mentres que a asistencia con certificado custará 15€.

PUBLICIDADE