As iniciativas innovadoras en sectores estratéxicos da economía, chave da Axenda Dixital de Galicia 2020

mércores, 9 de maio do 2018 Redacción

No marco da clausura da Xornada Dixitalización da Empresa Galega. Onde nos atopamos e cara onde imos?, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), a directora da AMTGA, Mar Pereira, destacou como obxectivos principais da Axenda Dixital de Galicia 2020 consolidar a dixitalización dos servizos públicos, dinamizar a economía e promover a inclusión dixital da sociedade nun clima de confianza no uso dos servizos dixitais.
A directora sinalou que no actual contexto de transformación dixital a ADG 2020 busca conseguir que as empresas integren a tecnoloxía nas decisións estratéxicas e operativas de negocio e tamén desenvolve iniciativas tecnolóxicas e innovadoras en sectores chave da economía galega. Neste sentido, destacou os plans como o Smart Turismo, orientado a impulsar Galicia como destino turístico intelixente, a Memoria Dixital mellorar a accesibilidade e a conservación do patrimonio cultural galego, o Primare para promover a modernización de sectores como o agrario ou o da pesca ou o Dico Mindset para favorecer innovación e a competitividade non ámbito dos contidos dixitais.
Por outra banda, Pereira lembrou que se está a traballar nun novo modelo de relación da cidadanía coa administración pública, máis áxil e máis proactivo. Para que estes avances sexan inclusivos, lembrou que se puxo en marcha un Plan en colaboración con máis de 700 aliados dixitais para facilitar a todo o mundo as habilidades dixitais necesarias no contexto dixital actual.
Por último, destacou que dinamizar o uso os servizos dixitais require da confianza dos usuarios. Na Administración autonómica leva anos traballando para reforzar este ámbito, cun Plan de Seguridade, que agora adapta ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), que entra en vigor o 25 de maio).

PUBLICIDADE