As impresoras 3D chegan á maquillaxe

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

Cada ano suben ao escenario de TechCrunch Disrupt numerosos proxectos emprendedores de base tecnolóxica entre sa que chamou especialmente a atención Mink, unha compañía que leva a impresión 3D a un área inédita: a maquillaxe. A proposta de Mink consistiría nunha impresora á que, tras indicarlle unha cor na web ou no mundo real a través dun sinxelo software, será capaz de facer realidade o colorete, a sombra de ollos, o reflexo de beizos ou outro tipo de maquillaxe nesa cor en concreto.
Este proxecto fundado por Grace Choi baséase no feito de que a meirande parte da maquillaxe emprega os mesmos substratos básicos, polo que a súa personalización sería posible, superando a eiva da limitación de cores existentes nas droguerías e atendendo ao feito de que hai moita xente que non é fiel a unha marca en concreto, polo que podería animarse a probar este tipo de maquillaxe a medida conseguindo unha gratificación instantánea e podendo facer tal a un prezo asumible (máis barato que o da maquillaxe de marca).
A impresora de Mink pretende saír á venda antes de rematar o ano a un prezo inferior aos 200 dólares (144 euros), buscando captar como público a mozas de entre 13 e 21 anos, que aínda non adoptaron hábitos nin fidelidade a marcas e provedores.

Grace Choi pretende popularizar a impresión de maquillaxe entre mozas de 13 a 21 anos

PUBLICIDADE