As galegas Solventis e Qbitia xuntan forzas para liderar o ámbito da consultoría financeira TIC

mércores, 11 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Luis Taboada, responsábel da empresa galega Qbitia, referente no ámbito fintech

As empresas galegas Solventis (con sede en Vigo e especializada en servizos de consultoría financeira e xestión) e Qbitia (con sede Pontevedra e centrada en solucións avanzadas para fintech) veñen de pechar un acordo para a integración estratéxica dos negocios de Solventis e de desenvolvemento de software financeiro de Qbitia. A finalidade, nas súas palabras, é “consolidar un novo competidor líder no ámbito da consultoría financeira tecnolóxica”.
Mediante esta operación, as dúas empresas avanzan un novo e importante paso no desenvolvemento de novos produtos que, segundo informan, “respondan as necesidades do sector financeiro, das empresas de servizos de investimento e das corporacións que demandan estes servizos”.
No marco da colaboración, Qbitia achegará a súa capacidade de innovación e a súa experiencia no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a xestión de datos e a conexión con mercados, mentres que Solventis proporcionará a súa ampla bagaxe en servizos para a valoración de activos financeiros e a xestión de riscos. “As sinerxías entre ambas as firmas permitirán ampliar a oferta para os clientes, multiplicando as perspectivas de crecemento e mellorando o posicionamento competitivo”, explican, engadindo que en virtude do acordo, Solventis fíxose co 80% de Qbitia. Luis Taboada, conselleiro delegado de Qbitia, e o resto do equipo directivo continuarán á fronte da compañía.
Alberto Moro, conselleiro delegado de Solventis, declarou respecto desta operación: “Solventis e Qbitia envían unha mensaxe clara aos seus clientes e ao mercado ao unir as súas forzas no negocio da consultoría financeira e tecnolóxica”. Esta mensaxe non é outra que a súa intención de crear, aproveitando fortalezas e cun desenvolvemento de negocio sustentábel, “unha empresa líder coas mellores perspectivas de medre”.
Pola súa banda, Luis Taboada, conselleiro delegado de Qbitia, sinalou que, “grazas a este acordo, Qbitia non só seguirá desenvolvendo as súas liñas estratéxicas de negocio actuais, senón que integrará as achegadas por Solventis e apostará por outras novas, xurdidas das sinerxías das capacidades de ambos”.
Por último, Guillermo Alfaro, director de consultoría de Solventis, declarou que “os nosos clientes requiren cada vez máis dun servizo cun alto compoñente tecnolóxico, e o noso obxectivo é ofrecer servizos que se adapten aos novos retos para a xestión de riscos achegando experiencia en innovación tecnolóxica, axilidade no tratamento de datos e transparencia nos procedementos de valoración e medición de riscos”.

PUBLICIDADE