As fundacións Telefónica e La Caixa loitarán coa ONU a prol da educación dixital nos países pobres

luns, 12 de decembro do 2016 Redacción

César Alierta, promotor de ProFuturo amais de presidente executivo da Fundación Telefónica

Co obxectivo de combater unha das vertentes máis preocupantes da chamada fenda dixital (a que afasta dixitalmente aos países máis ricos dos pobres, creando novas distancias económicas, culturais, sociais, comunicativas e políticas, amais de engadir distancias novas que non existían), Telefónica e La Caixa veñen de establecer unha alianza co Fondo para os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) da ONU. O obxectivo desta fronte común, que se artella a través do proxecto ProFuturo, promovido pola Fundación Telefónica e a Fundación Bancaria La Caixa, “é impulsar unha educación dixital de calidade en países en vías de desenvolvemento”.
O líder da alianza non será outro que César Alierta, promotor de ProFuturo amais de presidente executivo da Fundación Telefónica e patrón da devandita entidade de La Caixa. Alierta, agora asesor global do novo proxecto, sinalou que “a través da educación dixital é posíbel proporcionar unha educación de calidade a calquera persoa en calquera parte do mundo”.
En termos máis concretos, a colaboración materializarase en tres áreas de actividade principais: procura de socios e alianzas, promoción do papel das empresas no desenvolvemento da educación e implantación dunha liña de traballo en educación dixital, unha liña que en palabras de Alierta “representa a panca de transformación e mellora das oportunidades de millóns de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade”.
Como lembraremos, ProFuturo é unha iniciativa destinada a reducir a fenda educativa no mundo e impulsar a educación dixital de nenos en países emerxentes. Busca, máis polo miúdo, proporcionar “unha educación de calidade” a 10 millóns de nenas e nenos en risco de exclusión social, en só 5 anos. Este proxecto ten vocación de acoller e promover a participación doutras empresas e institucións. Arestora ten proxectos en marcha en África e América Latina, e estenderase por Asia.

PUBLICIDADE