As entidades impulsoras da Cidade das TIC salientan o carácter histórico da sinatura do plan director
xoves, 2 de decembro do 2021
- Desde a esquerda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José Miñones, Delegado do Goberno en Galicia; Julio Abalde, reitor da UDC; Francisco Conde, conselleiro de Economía; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Susana Ladra, directora do Campus Innova.
Segundo
informamos
este mércores dende Código Cero, a biblioteca da antiga Fábrica
de Armas da Coruña vén
de acoller o acto de sinatura do convenio para a elaboración do Plan
Director e Constitución da Estrutura de Co-gobernanza da Cidade das
TIC. Foi asinado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o
vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde,
en calidade de presidente do Instituto Galego de Promoción Económica
(IGAPE); o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González;
o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral,
e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Todos
coincidiron no carácter histórico do acordo.
O
reitor quixo manifestar a súa ilusión co arrinque definitivo deste
proxecto, unha ilusión compartida polo resto de participantes na
sinatura. Por exemplo a alcaldesa da Coruña, quen cualificou a
formalización do convenio como “un momento decisivo” para A
Coruña e a súa comarca, “o pulo decisivo para a posta en marcha
dunha infraestrutura estratéxica para a cidade”. Inés Rey
amosouse convencida de que o proxecto vai converter á Coruña nunha
referencia nacional e internacional que xerará emprego e aumentará
a competitividade da cidade.
Pola
súa banda, o presidente da Deputación ratificou con contundencia a
importancia do proxecto da Cidade das TIC. “Estamos sentando as
bases do proxecto estratéxico máis importante para Galicia nos
próximos anos” que vai cambiar “o modelo produtivo”. González
Formoso recalcou ademais o apoio das diversas administracións nesta
viraxe ao dixital da antiga Fábrica de Armas. “Nun contexto de
incertezas que as administracións sexan capaces de unirse para sacar
adiante un proxecto como este é vital”, dixo. “Este é o modelo
que temos que seguir”, desexou.
Nesta
liña de colaboración conxunta de distintas administracións incidiu
tamén o presidente do Clúster TIC Galicia. “É moi difícil
conseguir o que se consegue hoxe coa sinatura deste convenio pero o
proxecto ben o merece”, continuou. Rodríguez del Corral asegurou
que “a Cidade das TIC será o punto clave do apoio para todo sector
industrial de Galicia e o grande xacemento de emprego dos próximos
dez anos”. “É un elemento clave da economía do futuro de
Galicia”, resumiu o empresario.
No
menor tempo posíbel
O
convenio ten como obxectivo “sentar os alicerces da colaboración
entre as partes” para dinamizar a construción e dotación da
Cidade das TIC de xeito que se poida materializar no menor tempo
posíbel. Desta forma, as primeiras actuacións son a elaboración do
Plan Director da Cidade das TIC e o deseño e posta en marcha da súa
estrutura de gobernanza, cun prazo máximo de realización dun ano a
partir da formalización do convenio.
O
Plan Director establecerá a folla de ruta do proxecto da Cidade das
TIC. Incluirá, entre outros aspectos, un plan estratéxico cos seus
obxectivos a curto e medio prazo e un plan de xestión co deseño dun
modelo de negocio sustentábel, ademais dun plan de sustentabilidade
económico-financeiro e a constitución dunha nova sociedade xestora
da Cidade das TIC.
A
entidade xestora da Cidade das TIC será unha entidade decidida polos
socios asinantes. Segundo confirmaron as entidades, á espera de que
se constitúa formalmente haberá unha estrutura provisoria impulsada
por unha comisión de seguimento presidida polo reitor da UDC, Julio
Abalde, e formada por un representante de cada unha das entidades: a
Xunta, a través do IGAPE; Deputación, Concello e Clúster.
O
orzamento para a execución do convenio é de 180.000 euros, dos que
o Concello da Coruña aporta 75.600€; a Xunta, a través do IGAPE,
36.000€; a Deputación, 36.000€; a UDC, 30.600€; e o Clúster,
1.800€.
Cidade
das TIC
O 18
de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa resolveu outorgar unha
concesión demanial á Universidade da Coruña sobre os terreos e as
instalacións que conforman a propiedade denominada Fábrica de Armas
da Coruña.
A
Cidade das TIC desenvolverase na totalidade do terreo e comprende
todos os inmóbeis da Fábrica de Armas. Cunha superficie aproximada
de 127.943 m2, os seus principais predios están formados por sete
naves industriais da antiga Fábrica: almacén xeral; prensas e
canóns; revisión e metroloxía; forza, pulimento e tratamentos
térmicos; mecanismos, montura e montaxe; diversas, electricidade,
caldeiraría e soldadura; e tratamentos superficiais e areado, así
como outros edificios do complexo. Sobre estas instalacións e
terreos crearase a Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de
innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional
que “actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes, de
apoio ao tecido empresarial polo fornecemento de servizos
tecnolóxicos avanzados non dispoñíbeis en Galicia, que facilite a
instalación de empresas do sector e sirva como vector de crecemento
e dinamización económica grazas á creación de startups, o
impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de
empresas multinacionais”.
Segundo
explicaron as entidades implicadas, “a Cidade das TIC será un
ecosistema TIC dinámico e vangardista que combinará infraestruturas
de innovación e servizos TIC avanzados para a innovación
industrial; un campus tecnolóxico vinculado á UDC con cabida para
un centro de I+D en novas tecnoloxías; unha incubadora empresarial
de alta tecnoloxía centrada principalmente en Intelixencia
Artificial e o Big Data; un centro demostrativo e de servizos
avanzados que proporcione novos servizos tecnolóxicos ás empresas;
espazos de formación e difusión TIC; un parque empresarial
tecnolóxico-dixital para o aloxamento de pequenas e grandes empresas
tecnolóxicas, e servizos de apoio á Cidade”.
O
proxecto da Cidade das TIC está entre os candidatos a recibir fondos
Next Generation.
O
proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a
rehabilitación da Fábrica de Armas como Cidade das TIC así como
para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha
das naves da Fábrica de Armas. A previsión é que en xaneiro de
2022 comecen as obras de rehabilitación e que estea dispoñíbel a
finais de 2022. Para o CSA proponse unha construción de 2.627 metros
cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas
TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns
(cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O
proxecto de Carlos Pita propón “a potenciación da tipoloxía
basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de
madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking,
cafetería e espazo informal”.
Esta
nave acollerá empresas do sector tecnolóxico, para o que o Clúster
TIC recibiu solicitudes formais para 17.000 m2 de superficie. O
Clúster adxudicou os espazos ás empresas Imatia, Cinfo, ITG, Xoia,
Enxenio, Odeene, Tokiota, Dataspartan, Soslife7 e Itelsis. Ademais
recibiu a petición da firma Denodo para ocupar unha nave enteira.
A
Universidade da Coruña convocou recentemente o concurso de ideas
para o deseño do novo edificio Centro de Investigación
TIC-Intelixencia Artificial (CITIC-IA) na Cidade das TIC, gañado
pola proposta presentada por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri,
Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín.
Este
edificio de nova construción será un centro de I+D+i denominado
CITIC-IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados
construídos, pero contempla a posibilidade de crecemento ao dobre da
súa superficie.