As empresas terán novos xeitos de contactar cos clientes a través de WhatsApp

xoves, 2 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Dende WhatsApp levan anos asegurando que teñen pensado sacar cartos do servizo cobrando a empresas, pero estes servizos aínda son demasiado poucos, e agora anuncian a súa ampliación a través da API de WhatsApp para Negocios, que facilitará que os usuarios poidan entrar en contacto coas empresas de 3 novos xeitos:
- Solicitar información útil: poderase achegar o número telefónico a empresas en persoa, vía web ou mediante unha aplicación móbil, para recibir informacións como confirmacións de envío ou informacións sobre pasaxes.
- Comezar unha conversa: as páxinas web e os anuncios de Facebook poderán integrar un botón de Clic para chatear que permite abrir unha conversa directa con empresas a través de WhatsApp.
- Obter asistencia: as compañías poderán atender en tempo real as consultas dos clientes.
Con este enfoque o usuario continuará a ter o control sobre as mensaxes recibidas, mentres que as empresas terán que pagar para enviar certas mensaxes, o que fará que sexan selectivas nas súas comunicacións. Cómpre lembrar que os usuarios sempre poden bloquear as mensaxes dunha empresa determinada.
Polo momento a incorporación de empresas a WhatsApp está a ser moi lenta, entendéndose que queren controlar os primeiros pasos deste tipo de comunicación para que vaia polo bo camiño e non remate xerando rexeitamento por parte dos usuarios nin se abra a abusos das empresas.

PUBLICIDADE