As empresas galegas poderán expandir o seu mercado grazas a TSR, unha idea de Televés

mércores, 24 de outubro do 2012 Redacción

Televés Corporation vén de crear unha nova marca de cara a achegar asesoramento e loxística en mercados internacionais para pequenas e medianas empresas (PEME). A idea aparece baixo unhas siglas -TSR ou Trade Supply Research- unha especie de pescuda e abastecemento para moverse no mercado internacional. Pois ben, poderanse beneficiar desta proposta aquelas PEME que precisen adquirir subministros en mercados exteriores pero que non posúan a estrutura necesaria nin coñezan o xeito de levalo a cabo. E entón cando entra en xogo a chamada TSR que empregará a súa bagaxe de máis de vinte anos con subministradores de máis de 30 países, os 10.000 metros cadrados de superficie dos seus almacéns e centros loxísticos, e a vantaxe que supón dispor de centro aduaneiro propio.
E que oferta TSR? A marca de Televés Corporation propón un servizo integral que consta de asesoramento previo á operación, selección e negociación con provedores, verificación de ofertas, garantía da calidade e especificacións do produto, contacto directo con forwarders e transitarios, e xestión global das operacións internacionais.
Asemade, as empresas que o queiran terán a opción de contratar servizos concretos con TSR, como prospección de mercados, proxectos de redución de custos, proxectos tecnolóxicos de software de xestión ou mesmo propostas de provedores alternativos.
Segundo apunta José Manuel Otero -director de aprovisionamento de Televés Corporation e líder do proxecto TSR- este servizo que achegan é pioneiro en Galiza e pode ser o factor chave no éxito dunha pequena empresa xa que este recurso está inserido nunha rede corporativa que dispón de medios produtivos en España e Portugal, e conta con filiais constituídas en Francia, Alemaña, Reino Unido, Italia, Polonia, Estados Unidos, China e Emiratos Árabes.
Engadir que, a través de Televés Corporation, poderanse chegar aos máis de 80 mercados nacionais nos que a corporación ten presenza comercial.

PUBLICIDADE