As empresas galegas de contidos dixitais presentarán en Culturgal as súas máis recentes innovacións

martes, 22 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación da edición 2010 de Culturgal

A feira Culturgal, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra a partir do día 2 de decembro, vainos servir para tomarlle o pulso á nosa cultura en relación á busca de novas canles, e viceversa. Ou sexa, que tamén nos vai valer para saber o que lle ofrecen as novas canles á promoción da nosa creatividade, da nosa lingua e diso no que colle todo o que nos fai como somos e que grazas (entre outras cousas) a certo marketing dunha coñecida cadea de supermercados estamos todas e todos a lembrar: a identidade. Leas aparte, en Culturgal, tal e como avanzamos os días pasados, veremos tecnoloxía galega de primeira liña, “dende innovadoras experiencias na distribución dixital de produtos culturais ata a aplicación aos distintos eidos da cultura de fórmulas de financiamento propias dos proxectos tecnolóxicos”, informan dende a organización do evento.
Por se fora pouco, en Culturgal tamén seremos testemuñas das moitas vantaxes dun xeito de traballar que grazas en parte ás redes estamos a pór de novo en valor: o xeito de traballar colectivo. E, igualmente, o xeito de traballar que promove os beneficios e vantaxes para tódolos implicados. “Os camiños de ida e volta que se establecen hoxe en día entre a tecnoloxía e cultura son múltiples e ben estimulantes”, engádese. O eixe de toda esta actividade e potencialidade será en parte o espazo garaxe, un dos moitos escenarios nos que se artella esta edición, achegada como un fogar onde acontecen moitas cousas interesantes, cada un coa súa natureza e finalidade. O garaxe, neste punto, é o obradoiro no que se poñen en marcha os nosos cerebros, o cuarto das pantallas e dos trebellos que, segundo nos contan dende Culturgal, “forman parte xa da nosa vida e da nosa maneira de entender a cultura”. Será pois un recuncho para atopar e difundir “todo o relacionado coa industria audiovisual, as novas tecnoloxías da información, os novos medios e, en xeral, calquera proxecto baseado na creación e na distribución de contidos culturais”.
Para ir facéndonos unha idea e un programa persoal de cousas ás que cómpre ir coñecendo, dicir que no espazo garaxe a empresa Wireless Galicia presentará iBeaken (unha innovadora ferramenta de difusión de contidos multimedia a través de dispositivos móbiles con moito potencial para museos, actividades turísticas ou centros de interpretación), os membros de Contact farán o propio con Orama (aplicación para dispositivos móbiles que se basea no xeoposicionamento e en todas as posibilidades que ofrece a realidade aumentada) e Own The Way achegará o seu portal participativo de creación e divulgación de audioguías turísticas.
Finalmente o Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía de Ferrol (CIS) axudaranos a entender que aplicación ten a realidade virtual para as empresas culturais. Ademais, infórmase dende Culturgal, durante os tres días da feira, EGANET e as súas empresas asociadas amosarán a súa cara máis “sociable, explicando de xeito ameno e áxil as diferenzas entre as TIC e as TI e as súas aplicacións ás necesidades deste mundo”. A cita é a partir das 19h, nas cervexas tecnolóxicas, onde Wireless, Galebook, Enxenio e Ceo Aberto explicarán os seus proxectos a quen se achegue ata o seu stand. Tamén haberá sorpresas robóticas e celebrarase o segundo campionato aerodinámico de EGANET. En breve daremos máis datos sobre a feira e todo o que poderemos atopar noutro espazo do salón que deberemos ter moi en conta: o Foro Culturgal.

PUBLICIDADE