As empresas de novas tecnoloxías copan Finde.U

martes, 23 de outubro do 2018 Redacción

Finalmente comezou a súa andaina, até mañá, a nova edición (a terceira) da Feira Internacional de Emprego, Finde.U, impulsada conxuntamente polas universidades de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa e con vistas a catapultar laboralmente as e os estudantes dos dous países irmáns en empresas innovadoras da contorna. Segundo informou a Universidade de Vigo, unha das entidades organizadoras, a feira está a xuntar no IFEVI 70 expositores, entre empresas e universidades, amais de 650 estudantes e persoas egresadas inscritas (cifra que se irá incrementando a medida que pasen as horas).
O evento, un recurso de primeira man para facer entrar en contacto a contratadores e contratados (e para que os currículos cheguen aos seus destinatarios do mellor xeito posíbel), conta este ano cunha especial presenza de empresas das novas tecnoloxías da información.
A nivel xenérico, entre as firmas presentes están Aluminios Cortizo, ABANCA, Banco Mediolanum, ENCE, Garrigues, Hotusa, Pescanova, Leroy Merlin, Nationale Nederlanden, Carrefour, Televés ou ZF Group, entre outras.
O programa da feira inclúe unha serie de presentacións corporativas das diferentes empresas e, como novidade, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal desenvolve o Job Day TIC, coa participación dunha ducia de empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambas beiras da fronteira.
Finalmente, mañá mércores desenvolverase a segunda xornada do evento O talento feminino SUMA, que arrancou no Campus de Vigo o pasado 9 deste mes. Nesta sesión as participantes realizarán as súas presentacións de 90 segundos ante responsábeis de recursos humanos de empresas para presentar a súa marca persoal.

PUBLICIDADE