As empresas de Ferrolterra poderán acoller talentos dixitais das universidades de México e Colombia

xoves, 5 de marzo do 2020 Redacción

A Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (COFER) presentou este mércores 4 de marzo, na súa sede do Cantón, o seu Plan de Captación de Talento Dixital, que desenvolve en colaboración co IGAPE e que ten como obxectivo atraer a alumnado de universidades de México e Colombia para que realicen prácticas nas empresas das ditas comarcas.
A iniciativa ten a súa orixe nas xuntanzas de traballo que mantivo a confederación con responsábeis de catro universidades dos citados países, coas que o organismo empresarial chegou a acordos para ofrecer prácticas en Ferrolterra aos seus estudantes.
Pablo López, da consultora Implicatum, explicou aos asistentes o procedemento para poder contar con estes bolseiros, “que en calquera caso terán que responder o perfil laboral que demanden as propias empresas”. Segundo dixo, “unha vez que se determinen estes perfís, será cando as universidades reúnan currículos para envialos ás firmas participantes para que fagan unha selección do alumnado”.
Os primeiros estudantes incorporaranse ás súas prácticas nos próximos meses. As titulacións nas que cursan os seus estudos gardan relación coas áreas de Arte e Deseño e Arquitectura; Ciencias da Saúde; Ciencias e Enxeñarías; Ciencias Sociais; Humanidades e Negocios.

PUBLICIDADE