As empresas de EGANET premian o labor tecnolóxico-asistencial da Fundación Foltra

xoves, 1 de decembro do 2011 Redacción

A asociación galega EGANET vén de dar a coñecer a concesión do seu Premio Especial 2011 á Fundación Foltra, unha entidade centrada no aproveitamento e na busca de novas tecnoloxías e recursos para facilitar os servizos de atención médica e socio-sanitaria na nosa terra, sobre todo os centrados nas persoas que requiran tratamentos intensivos de recuperación. As empresas de EGANET queren salientar con este recoñecemento a aposta decidida da entidade a prol da innovación galega como medio para mellorar o servizo que presta a pacientes con danos neurolóxicos e outras doenzas de complexa e prolongada rehabilitación. Foltra, fundación con sede no concello de Teo, céntrase en axudar a persoas que xa cubriran a primeira etapa de asistencia hospitalaria.
O premio de EGANET, fóra de concurso do seu certame de galardóns, diríxese polo tanto a visibilizar o mellor da nosa innovación en materia social, médica, solidaria, cultural, investigadora ou económica, cuestións que Foltra representa especialmente, e máis tendo en conta a súa aposta polas TIC desenvolvidas dende a nosa terra, ferramentas que a fundación incorporou como medio clave para vertebrar a prestación dos servizos que se achegan nos fogares das familias e máis en centros colaboradores.
Segundo informa EGANET, dende Foltra facilítaselles ás familias e coidadores “o traballo de rehabilitación destes doentes cuxa recuperación é, en moitos casos, moi complicada para os propios fogares dos que veñen tanto en termos de coñecementos como economicamente”.
Foltra puxo en marcha a creación dun novo Centro de Terapias Rexenerativas que non só contará cun centro de día senón tamén cun centro virtual, vertebrado en torno a tres eixes principais: a difusión, a formación e a xestión dos recursos. A creación da web corporativa, baseada en software libre, vén a cubrir as necesidades no primeiro destes ámbitos, o da difusión, servindo para a publicación de novas tanto da propia fundación como doutras do ámbito socio-sanitario, informa a asociación empresarial galega. Co fin de axudar á formación dos coidadores e das familias, creouse unha aula virtual baseada na tecnoloxía LAMP (plataforma para o desenvolvemento e execución de aplicacións web que une Linux, Apache, MySQL e PHP), orientada a valoracións terapéuticas e á creación de contido de apoio para o tratamento dos pacientes na casa.
En canto á xestión, Foltra desenvolveu unha intranet/extranet que permite a integración dos centros colaboradores co principal e contribúe, ademais, a mellorar a atención ao paciente con axendas e citas optimizadas.
Alén destas accións, en Foltra usan ferramentas tecnolóxicas para o tratamento directo dos pacientes contando, por exemplo, con consolas Wii e videoxogos como Brain Training. Calcúlase que entre 6 e 7,5 millóns de cidadáns sofren algún tipo de doenza neurolóxica e, ao redor de millón e medio deles, grave.

PUBLICIDADE