As empresas da Tecnópole aumentaron a facturación en 44,1 millóns de euros

mércores, 16 de maio do 2012 Redacción

Os empresarios da Tecnópole reunidos esta semana coa directora do complexo, Luisa Pena

A Tecnópole de Ourense (o Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de facer recontos dos éxitos acadados polas súas empresas ao longo de 2011, uns éxitos que se sitúan a contrapelo da tónica crítica que afecta a unha boa parte dos sectores produtivos e que confirma, unha vez máis, que a clave está na innovación e no coñecemento. Así, segundo informan fontes da Tecnópole, as súas empresas incrementaron o seu volume de negocio en 44,1 millóns de euros durante 2011 con respecto ao exercicio anterior. “A facturación total pasou dos 170,8 millóns contabilizados ao peche de 2010 aos 214,9 millóns rexistrados en 2011, o que supón un aumento do 25,7%”, engádese.
No que atinxe ao emprego, o ano pasado creáronse 139 empregos sobre os 1539 cos que se pechaba o exercicio anterior.
A directora da Tecnópole, Luisa Pena, parabenizou aos empresarios por estes logros, “especialmente meritorios tendo en conta o contexto de crise, o que demostra que a aposta pola innovación que caracteriza a actividade que aquí se desenvolve é unha aposta sólida e segura”, sinalou.
Pena apuntou tamén que, sumando a facturación da sociedade xestora á das empresas, o volume de negocio total da Tecnópole en 2011 acadou os 216,9 millóns de euros. Ademais, lembrou (na súa cita cos empresarios) que a sociedade xestora logrou incrementar nun 21,4% os seus ingresos durante o pasado exercicio, mantendo a facturación por servizos e alugueres e incrementando o financiamento para a realización de proxectos, ademais da súa actividade como entidade colaboradora do Ministerio de Economía e Competitividade para tramitar as axudas a empresas instaladas en parques científicos e tecnolóxicos.