As empresas da AEF melloran a súa operatividade con obradoiros de dixitalización

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

A Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF) iniciou este mes e xuño os obradoiros de dixitalización dirixidos a impulsar a cualificación empresarial e profesional das empresas da contorna da entidade. O obxectivo é darlles a coñecer diferentes tecnoloxías dixitais para conseguir “cero papeis” e máis “a automatización do fluxo de documentación na empresa, buscando sempre reforzar a competitividade do tecido económico”.
Os obradoiros de dixitalización, que se impartirán de forma presencial durante todo o mes de xuño, están financiados na súa totalidade polo IGAPE, no marco da liña de axudas que convoca anualmente para a organización destas actividades. Están impartidos por Team&Time, firma de enxeñaría e consultoría estratéxica orientada a potenciar as organizacións mediante a optimización dos seus procesos e a transformación tecnolóxica.
Desta volta nove empresas de Ferrolterra, na súa maioría pertencentes a sectores definidos como prioritarios na axenda de competitividade de Galicia (naval, pedra, automoción...) participan nos obradoiros.
Con esta formación ademais de reforzar os coñecementos en diferentes ferramentas dixitais, incentívase a creación de espazos para explorar vías de colaboración entre as empresas participantes.
A eliminación do papel e correos electrónicos de intercambio de información, a supresión de erros e perdas de información, o acceso aos documentos por parte dos responsábeis implicados en tempo real, a fiabilidade na información, o acceso en remoto á información, a eliminación de tempos de espera, a automatización dos fluxos de sinaturas, a validación e o visado de documentos, son algúns dos beneficios para as empresas que utilicen as ferramentas de dixitalización.
Con este proxecto, froito da colaboración entre a AEF, o IGAPE e Team&Time, búscase ofrecer ás pemes “unha oportunidade para adaptarse ao novo escenario, sendo máis eficientes, mellorando os seus procesos, etc. o que en suma provoca que contemos con organizacións máis competitivas”.

PUBLICIDADE