As eleccións á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática rematan sen candidaturas

luns, 18 de xullo do 2022 S. P.

O proceso de eleccións á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense (UVigo) rematou este venres 15 de xullo sen que se presentase ningunha candidatura. As eleccións foron convocadas ao cumprirse o máximo de dous mandatos e seis anos á fronte do centro do seu actual responsábel, o profesor Francisco Javier Rodríguez. Seguindo o procedemento nestes casos, o actual equipo directivo recibirá a encomenda de continuar en funcións seis meses e co mandato por parte do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, de nese prazo convocar de novo eleccións.
O equipo directivo da Escola Superior de Enxeñaría Informática que agora remata o seu mandato estivo formado por Francisco Javier Rodríguez (director); Pedro Cuesta (subdirector de Planificación); Rosalía Laza (subdirectora de Organización Académica); Eva María Lorenzo (subdirectora de Calidade) e Mª Encarnación González (secretaria do centro). Para este equipo e para o do anterior mandato, Francisco Javier Rodríguez ten palabras de agradecemento polo esforzo e o traballo desenvolvido estes anos. “Estou moi agradecido a todos eles. Estes cargos de xestión non teñen unha repercusión directa nos currículos, é un esforzo persoal que facemos pola institución, é sen eles non se podería ter feito todo o que fixemos”, comenta. O responsábel académico subliña que as persoas que o acompañaron nestes dous mandatos “son xente que leva xa anos comprometida na dirección da escola e facendo un grande esforzo persoal e profesional”.
Francisco Javier Rodríguez salienta que a maior satisfacción foi ter conseguido que o centro medrase en titulacións e alumnado. “Críamos e cremos que somos un centro que pode medrar. Os nosos titulados e tituladas están moi demandados polas empresas, hai unha gran e crecente demanda social arredor da Enxeñaría Fnformática”, comenta, engadindo que este medre da escola materializouse na ampliación a 150 das prazas de novo acceso do Grao en Enxeñaría Informática e na posta en marcha o vindeiro curso académico 2022/2023 do Grao en Intelixencia Artificial e do Mestrado en Intelixencia Artificial, que se suma ao xa existente Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática. Sobre estas dúas novas titulacións, lembra que “son unha aposta de futuro da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas e nós loitamos moito por estar aí”. No eido da docencia tamén subliña a satisfacción do centro por ter conseguido recuperar, despois dun ano pechado, o programa conxunto dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática. “Esta aposta reformada ten moi boa acollida, cunha nota de acceso moi alta”, sinala.
No balance destes dous mandatos, o equipo saínte tamén destaca a súa satisfacción polas actividades de formación e divulgación levadas a cabo, como o Foro de Emprego TIC, a Hora do Código ou a Olimpíada de Informática.
De cara ao futuro a curto prazo, Francisco Javier Rodríguez sinala que o gran reto para a Escola Superior de Enxeñaría Informática é a “implantación de Intelixencia Artificial, ano a ano” e “ver as capacidades que temos no campus de medrar en espazos, algo no que xa está traballando o equipo de goberno”. Outro reto é, apunta, a internacionalización, tras o parón da pandemia, e continuar estreitando relacións coas empresas.

PUBLICIDADE