As diferentes facianas dos ciberataques, polo miúdo nun seminario na Escola Naval Militar de Marín

venres, 31 de xaneiro do 2014 Redacción

O ensino TIC adquire con cada día que pasa facetas máis diversas. Unha das facetas que ten meirande compoñente novidoso é sen dúbida a que interrelaciona as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) co eido da defensa. Esta interrelación é o alicerce, precisamente, do primeiro Seminario de Ciberdefensa que se está a impartir esta semana na Escola Naval Militar de Marín, centro adscrito á Universidade de Vigo. A actividade formativa, na que participan alumnos de quinto curso da dita Escola, sitúa e amosa un novo escenario a protexer e vixiar: o que acubillan as redes.
Segundo conta a UVigo con motivo da posta en marcha do seminario, con estas xornadas búscase introducir ao alumnado do Centro Universitario da Defensa (CUD) nunha área que constitúe un “dos novos retos do coñecemento”, en palabras do reitor, Salustiano Mato. O obxectivo é achegar formación experiencia para o día en que os alumnos poidan enfrontarse “a unha ameaza actual, real e en crecemento”, engadiu o comandante-director de Ensino Naval, Marcial Gamboa.
O encargado en introducir aos estudantes en como facer fronte a esta ameaza foi o coronel Francisco Javier Moreu, o primeiro dos relatores deste seminario. Nunha conferencia titulada A armada fronte a ciberdefensa, Moreu incidiu en que os ataques a través da rede supoñen para quen os realiza uns “custos económicos irrelevantes, producen danos de forma inmediata e pódense levar a cabo desde moita distancia a través dunha contorna que proporciona anonimato ao atacante”.
Segundo informa a Universidade de Vigo dando conta do acontecido nas xornadas de ciberdefensa, Moreu diferenciou entre cinco tipos de ataques que tiveron a Rede como escenario nos últimos tempos. O primeiro deles sería o levado a cabo pola figura do hacker, que “por motivos intelectuais e de notoriedade accede a unha rede supostamente segura”. Tras estes expertos en informática chegou a ciberdelincuencia, a actividade que levan a cabo grupos organizados co obxectivo de obter un beneficio económico atacando, por exemplo, os portais de entidades bancarias. A Rede posibilitou tamén o desenvolvemento do ciberterrorismo, xa que Internet é empregado por grupos terroristas para “publicitarse, instruír aos seus membros ou mesmo coordinar accións”. Porén, os ataques cibernéticos tamén poden proceder de países, capacitados para acometer accións de ciberespionaxe coas que extraer “información sensíbel dos gobernos ou ter acceso aos proxectos de investigación que está a desenvolver unha determinada empresa”. A maiores, existe outro tipo de ameaza: a ciberguerra. Para ilustrar este último punto, Moreu expuxo ao alumnado un caso real acontecido no ano 2007, cando “unha nación enmascarada, que todo fai pensar que foi Rusia, atacou Estonia a través do ciberespazo”. A raíz disto, dixo, “pecháronse todas as páxinas gobernamentais e atacáronse as webs bancarias dun país no que o 95% da poboación ten conexión a Internet e no que existe unha forte dependencia da Rede”, explicou.

PUBLICIDADE