As descargas ilegais triplicaron en 2009 ás de consumo dixital legal

martes, 1 de xuño do 2010 Raquel Noya

Segundo datos extraídos do último Observatorio de piratería e hábitos de consumo de contidos dixitais, elaborado por IDC para a Coalición de Creadores de Industrias e Contidos, de cada catro discos, películas, libros e videoxogos que os españois consumimos durante a segunda metade de 2009, “algo máis de tres (o 76 por cento do total) eran piratas”.
Este organismo agrupa a entidades como a SGAE ou Cedro, que defenden os dereitos dos autores das súas respectivas industrias, e que se viron palidecer ao comprobar que, segundo o estudo, “os contidos dixitais pirateados teñen un valor de mercado de 5.121 millóns de euros” só para o segundo semestre do último ano.
Estas cifras fan que o recadado de maneira legal pola industria dos contidos dixitais sexa irrisoria, xa que tan só chegan aos 1.653 millóns de euros.
Podemos dicir pois que, segundo apunta o estudo, de media só 5 de cada 100 cancións que pode haber en calquera ordenador español foron obtidas pagando, o que se deduce que proceden de fontes non reguladas.
Antonio Guisasola, presidente de Promusicae, falou para o xornal dixital El País sobre este estudo e indicou que “fan falta medidas urxentes”, ao tempo que insistía na “blandura” da Ley de Economía Sostible, en cuxa Disposición final segunda será regulado o peche das webs de descarga.
Pola súa parte, dende o Ministerio de Cultura foron máis cautos valorando o informe e aseguraron que “o problema é serio” porén insistiron en que é necesaria “unha estratexia combinada para formentar a oferta legal”.

PUBLICIDADE