As compras dentro das aplicacións de iOS non poderán ser exclusivas da App Store

venres, 10 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A polémica causa xudicial de Epic Games contra Apple por mor das restricións que impoñen aos desenvolvedores na App Store vén de resolverse parcialmente a favor de Epic Games, xa que o tribunal considera ilegal que a tenda de aplicacións de Apple só permita realizar pagamentos a través da plataforma da propia compañía, pero por outra banda nega que estea a exercer un monopolio coa súa tenda de aplicacións (chegando a afirmar que «o éxito non é ilegal»), de aí que Epic teña a intención de recorrer a decisión xudicial.
Na liña de resolucións fóra de EE.UU., a xuíza Yvonne González Rogers determina que Apple non pode impedir que os desenvolvedores inclúan nas súas aplicacións ligazóns que remitan aos usuarios fóra da App Store, ou sexa, que as compras dentro das aplicacións xa non terán que realizarse unicamente a través do sistema de pagamentos de Apple, polo que a compañía de Cupertino cobra importantes comisións (de até o 30%).
As consecuencias para Apple deste xuízo foron probablemente as menos lesivas posibles para a compañía, xa que simplemente regula as compras dentro das aplicacións, podendo chegar a ser o resultado moi diferente se a xuíza entendese que, ao igual que acontece en Windows ou en Android, fose posible instalar tendas de aplicacións alternativas, o que afectaría seriamente ao modelo de negocio de Apple.
Epic pode beneficiarse desta resolución dende o punto de vista de que permitiría que as compras dentro de Fortnite puidesen realizarse fóra da App Store (aforrando a comisión de Apple) pero a intención que realmente tiñan era a de poder contar cunha tenda de aplicacións como a que teñen para ordenadores persoais en dispositivos móbiles, o que incrementaría considerablemente o seu volume de negocio.

PUBLICIDADE