As cofradías de Semana Santa serán alertadas de choiva por SMS

luns, 6 de abril do 2009 Raquel Noya

De toda a vida, chegadas estas datas de procesións, vixilia e meditación, os integrantes de distintas cofradías e irmandades miran ao ceo clamando que non chova para poder sacar os seus pasos, seguindo a tradición dos seus antepasados.
Porén agora, para ir acorde cos tempos, os cofrades (sobre todo os máis vellos) xa non agardan a que os ósos lle doian por mor da humidade para saber se vai chover o día da procesión ou a que o home do tempo lles dea un raíño de esperanza dicindo que se agarda un sol radiante en toda a zona; agora, segundo explica a delegación territorial en Andalucía da Axencia Estatal de Meteoloxía (Aemet), chaman para informarse puntualmente das condicións climáticas, chegando a registrarse “ata 300 chamadas diarias pedindo este tipo de información”.
É por isto que, os centros de Aemet da devandita comunidade autónoma, veñen de anunciar que, a fin de axilizar o servizo e anticiparse ás chamadas feitas polas cofradías “en días revoltos”, van informar vía SMS do tempo que fará en cada localidade e da probabilidade de precipitacións para ese día.
O sistema remitirá cada dúas horas ás irmandades a probabilidade de choiva e, asemade, en caso de agardar precipitacións nunha localidade en concreto, mandanlle as mensaxes correspondentes para que non saquen as súas procesións ou actúen segundo máis lles conveña.

PUBLICIDADE