As claves para sermos innovadores, eixe temático dun curso da USC

mércores, 1 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Fálase moito de innovación, pero se cadra non se falta tanto como se debera das cousas que fan posible esa innovación. É dicir: en contra do que é lóxico e natural, comezamos o conto polo final en troques de polo comezo. Para ir poñéndolle solución a isto, a iniciativa Uniemprende da Universidade de Santiago de Compostela (dirixida a facilitar a transformación de proxectos en realidades de mercado) convoca o curso en liña Que necesito para que mi empresa sea innovadora? A actividade, que por desgraza só se presenta en castelán, vai dirixida a informar dos elementos clave para a posta en marcha dunha empresa innovadora ou para modernizar unha xa existente.
Xa nun eido máis concreto, a actividade parte do contexto actual de crise para afianzarse no extremo oposto, nas vantaxes do coñecemento e a creatividade aplicada ao empresarial, achegando habilidades e divulgando apoios no camiño dun emprendemento óptimo.
O curso, que se celebra do 8 ao 22 de xuño e que consta de 40 horas lectivas, está dirixido a emprendedoras e emprendedores de proxectos tecnolóxicos de carácter innovador, persoal que traballe dentro do eido do asesoramento á creación de empresas, profesionais de empresa, así como a todas aquelas persoas que vexan no mesmo unha ferramenta de axuda para desenvolverse no seo do seu negocio. Para máis información sobre o curso, que é de balde e ten prazas limitadas, Uniemprende explica os obxectivos e o programa detallado neste pdf.

PUBLICIDADE