As ciencias e a informática, protagonistas dos premios á excelencia lingüística da USC

mércores, 21 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Boas novas para o galego e, máis polo miúdo, para o seu uso normalizado nos eidos máis técnicos. De feito, a ciencia e a tecnoloxía foron precisamente as que se impuxeron nos premios á excelencia lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, na súa edición 2010-2011, dirixidos como o seu propio nome indica a recoñecer o bo uso da nosa lingua, amais da súa promoción, dentro dos traballos académicos da comunidade. Máis propiamente, os gañadores foron unha estudante de Bioloxía, Efigenia Penabad Penabad, e un alumno de Informática da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, César Osorio Peláez.
O alumno de Informática recibirá unha contía total de 300 euros a través da modalidade de achegas de fin de grao, concretamente polo traballo Desenvolvemento dun sistema para a visualización web do tesouro do léxico patrimonial galego-portugués.
A estudante de Bioloxía, pola súa parte, resultou premiada con 150 euros na categoría de traballos académicos por Efecto da privación da luz no desenvolvemento da retina.
O xurado desta sétima edición, que tomou a decisión este mesmo martes, estivo formado polo director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; e María Cuquejo Enríquez, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Os dous estudantes galardoados”, informa a USC, “xa gañaran no seu respectivo centro o premio á calidade lingüística que convocan dende hai sete anos as comisións de normalización de quince escolas e facultades de Santiago e Lugo”. Entre os valores que máis se teñen en conta na concorrencia polos premios figuran os seguintes: unha presentación axeitada do traballo ou documento (formal e de contido) e un bo uso da nosa lingua (corrección lingüística e terminolóxica).

PUBLICIDADE