As charlas de Toponimízate recalarán este outono en oito concellos

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

O proxecto Toponimízate, unha ambiciosa proposta institucional para reivindicar o tesouro dos nosos nomes de lugar, recibiu esta tempada un novo impulso á súa actividade, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia de Galicia (RAG). Segundo fixeron saber, haberá novidades importantes como sesións telemáticas en directo e obradoiros de memoria, materializados principalmente nas charlas de Toponimízate, coñece os nomes da túa terra, que están a pasar en outubro polos seguintes concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Triacastela (o 1 de outubro ás 18.00 horas), Outeiro de Rei (o 15 de outubro ás 19.00 na Casa da Cultura) e Ribeira (o 18 de outubro a partir das 16.30 horas con proxeccións telemáticas e colectivas no IES Leliadoura, no IES Nº1 de Ribeira, no Centro Cultural Lustres Rivas e na aula CeMIT local).
En novembro a xira seguirá o día 5 (en Carnota, na Casa do Concello, a partir das 17.00 horas), o día 12 (no Irixo, na Casa do Concello, ás 18.30 horas), o 19 (en Meaño, con proxeccións telemáticas e simultáenas no IES de Meaño, no CEIP As Covas, na Casa da Cultura de Dena e na aula CeMIT, a partir das 11.00 horas), o 23 (no Barco de Valdeorras, con proxeccións simultáneas e telemáticas no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na aula CeMIT, a partir das 16.30 horas) e o 3 de decembro en Ortigueira (no Centro de Maiores, a partir das 11.30 horas).
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron o 28 de setembro, na sede da RAG, a cuarta edición do programa acompañados de Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia que se encargará de impartir as charlas previstas.
Valentín García salientou que o proxecto supón “a difusión e socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra, amais de buscar a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome”.
O presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica.
Segundo informaron, as charlas divídense en dous bloques: o primeiro deles aborda a riqueza toponímica galega, mentres o segundo presenta o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, plataforma a través da cal a veciñanza pode engadir os diferentes microtopónimos que coñeza e que xa conta con máis de 2.200 usuarios que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares dende o 2019.
Ademais, as sesións de Toponimízate tamén permiten coñecer as utilidades prácticas desta información unha vez xeorreferenciada e normativizada, e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello en cuestión coa colaboración do académico da UVigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG.
A primeira cita desta cuarta edición xa se celebrou o pasado xuño en Marín. Haberá charlas presenciais en Triacastela. Outeiro de Rei, Carnota e O Irixo. A maiores, desenvolveranse tres sesións telemáticas emitidas en directo a través da canle de YouTube da RAG e que poderán verse de maneira colectiva nos espazos habilitados de Ribeira, O Barco de Valdeorras e Meaño.
O peche da cuarta campaña de Toponimízate terá lugar en Ortigueira o 3 de decembro coa outra gran novidade da edición, un obradoiro de memoria no centro de maiores da vila.
Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega (lingua.gal) e máis na web da RAG (academia.gal).

PUBLICIDADE