As celebracións institucionais do Día Galego do Emprendedor (hoxe xoves) pódense seguir en Internet ó longo de toda a xornada

xoves, 22 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Hoxe xoves 22 celébrase a segunda edición do Día do Galego Emprendedor e na nosa terra hai diversos actos que conmemoran a xornada e algúns deles estreitamente relacionados coas novas tecnoloxías. As actividades institucionais parten da Dirección Xeral de Política da PEME do Ministerio de Industria, sendo as encargadas da organización en Galiza as Consellerías de Innovación, Traballo e Economía (a través de departamentos como o Igape ou BIC Galicia) e as tres universidades galegas. A xornada ten o centro de operacións no Pazo de Congresos de Santiago e dende alí retransmítense as actividades a través de Internet a través da web da celebración e en directo, ó longo de todo o día. A xuntanza conta con 12 bloques temáticos, distribución coa que se pretende chegar a tódolos implicados: técnicos en creación de empresas, empresarios, estudantes, investigadores, profesores ou investidores.
Está previsto que nas celebracións participen até 2.000 persoas de toda Galiza. Entre as cuestións previstas para seren tratadas atopamos os novos modelos de negocio, as novas tecnoloxías aplicadas á xestión, as posibilidades do eido rural galego, os xeitos de incrementar a competitividade, o financiamento, etc.
Entre as actividades que máis relación directa teñen con este medio (Código), se cadra algunha das máis salientables son a presentación do Programa de Creación de Empresas "Empresa-Concepto" (proxecto das Consellerías de Innovación e Traballo, as universidades galegas e o CSIC) para a posta en marcha de iniciativas de mercado de alicerce tecnolóxico con raizame universitaria ou a celebración dunha sesión plenaria na que participarán o presidente de Blusens, José Ramón García, a responsable da firma Interacción, Beatriz Legerén e a directora xeral de Zenit TV, Zaza Ceballos.
Podemos ver o programa enteiro aquí.

PUBLICIDADE