As cámaras GoPro xa funcionan en Periscope

martes, 26 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

As cámaras GoPro emprenden un novo camiño para facilitar a distribución en tempo real dos contidos de acción que capten en vídeo, xa que dende agora os usuarios que teñan un iPhone poderán non só conmutar entre as cámaras traseira e dianteira do seu smartphone en Periscope, senón que o servizo de vídeo en directo de Twitter tamén poderá recoller directamente o sinal que chegue de cámaras GoPro Hero 4 Black ou Silver, o que abre moitas posibilidades á hora de amosar momentos en vivo.
Esta nova funcionalidade facilitaría a narración en tempo real, de xeito que podería conmutarse entre dous ángulos de cámara diferentes, sendo posible que a cámara GoPro poida continuar a gravar o vídeo na súa tarxetas micro SD interna durante un directo de Periscope.
Dado que a aplicación de Twitter para iPhone está a comezar a amosar os vídeos de Periscope sen ter que saír da aplicación, esta nova funcionalidade de GoPro chega en moi bo momento, aínda que polo momento ten serias limitacións de hardware, xa que só funciona en dous modelos de cámara de GoPro e en terminais que sexan como mínimo un iPhone 5s con iOS 8.2.
Polo momento non se sabe cando a nova prestación estará dispoñible para Android, pero algo que xa se pode apuntar é que o feito de que se poidan realizar retransmisións en Periscope dende cámaras afastadas do móbil poden supor a perda de parte da esencia de Periscope, que é a posibilidade de interacción entre o usuario que transmite o vídeo e os seus espectadores, convertendo os directos nunha difusión máis tradicional, que parece o prezo a pagar por abrir a porta a atractivos contidos en tempo real, entre os que agora é de agardar que xurdan numerosas retransmisións de actividades deportivas.

PUBLICIDADE