As buscas van camiño de afianzarse como a primeira utilidade de Internet

xoves, 7 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Agora que todos estabamos convencidos de que o porno e a procura de sexo era o principal motivo polo que os internautas se conectan, vén de novo un estudo que nos leva a contraria. Trátase dun informe achegado por Pew Internet Project no que se indica que as buscas en xeral de información (algo así como aplicar á Rede o mesmo que fixemos antes da súa chegada coas enciclopedias, as guías telefónicas e os manuais de calquera índole) son arestora unha das grandes utilidades de Internet, e medra a paso de xigante.
Máis polo miúdo sitúanse como as segundas do ranking, gañándolle cada vez máis terreo á primeira motivación: o emprego do correo electrónico, que é dende hai anos a aplicación máis popular. No informe, que reflicte indirectamente o medre imparable de Google (se medra o número de buscas, medra Google, tal é o nivel de identificación dunha cousa coa outra), tamén se dá conta do resto das grandes utilidades da Rede.
Son estas: procura de novas (39%), consulta do tempo (30%), practicar afeccións diversas (29%), navegar por lecer (28%) ou visitar unha rede social (13%). Por riba de todas estas aplicacións, como dixemos, érguese á da buscas, cun 49% das sesións na Rede levadas a cabo a cotío por usuarios de EE UU. Con todo, o correo electrónico segue a ser difícil de superar (aínda que se cadra por pouco tempo): abrangue os principais intereses na Internet do 60% dos redeiros habituais de aquel país. A cifra semella ben salientable, sobre todo se temos en conta o que medrou nos últimos tempos: un 15% dende 2002. Con todo, semella máis salientable aínda o que vén de medrar ao longo dos mesmos anos o uso da Internet para as buscas: un 69%.
As razóns deste incremento? A xuízo dos responsables do estudo está sobre todo na achega masiva de contido á Internet, contido que anima aos cidadáns a frecuentar máis as ferramentas de procura xenéricas ou específicas. Dicir que o medre das wikis, dos blogs e dos espazos de vídeos en liña teñen gran culpa disto non é andar desencamiñado.

PUBLICIDADE