As buscas de inmóbeis con dispositivos soben un 45% en dous anos

xoves, 7 de maio do 2015 Redacción

O número de persoas que procuran vivenda a través dos dispositivos móbiles non para de medrar, dato que debera facer que as inmobiliarias e os propietarios que seguen a teimar nas canles tradicionais para achegar as súas informacións repensasen a súa estratexia. Segundo fan saber os responsábeis do servizo Pisos.com, un dos máis visitados a nivel español para visualizar bens inmóbeis en lugares específicos, as procuras de vivendas a través de dispositivos subiron un 45% en dous anos, pasando do 38% en 2012 ao 55% en 2014.
O estudo feito polo portal tamén certifica, a nivel xenérico, que as aplicacións están a desprazar ao computador para as operacións de busca de pisos e casas, en compra ou aluguer, “basicamente porque dan o mesmo servizo pero coa vantaxe de que o soporte é máis lixeiro, pódese levar enriba e consultar en calquera recanto”. Para a empresa responsábel da investigación, “a próxima revolución para o mercado da vivenda será a tecnoloxía wearable, que está a medrar amodo pero de xeito moi estábel”.
O informe tamén achega datos de comportamento. Así, os usuarios que detectan un inmóbel que lles parece interesante dende o seu trebello, adoitan responder con hábitos máis ou menos fixos, en moitas ocasións simultáneos: o 48% das persoas consultadas por pisos.com, manda un correo para obter máis información da vivenda requirida; o 41% chama directamente ao anunciante e o 40% marca o anuncio como favorito para gardalo na súa área persoal. Asemade, un 27% adoita consultar o anuncio a posteriori no seu computador, mentres que, se o anuncio pertence a unha inmobiliaria, o 6% visita directamente a axencia.
Á hora de valorar os factores máis relevantes da procura de vivenda a través de dispositivos móbiles, sendo 0 “nada importante” e 10 “moi importante”, obter unha información clara e completa dos inmóbeis sitúase na primeira posición da clasificación (7,57). En segundo lugar, o máis esencial é que sexa posíbel recibir notificacións inmediatas das vivendas dunha determinada zona, así como cambios no prezo (7,21).

PUBLICIDADE