As boas prácticas arredor das TIC, a debate na primeira xornada da Staff Training Week en Vigo

martes, 6 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Os encontros que se están a celebrar na Universidade de Vigo, no Edificio Miralles, sobre TIC e cooperación internacional académica seguen adiante poñendo de relevo, precisamente, cales son as mellores maneiras de empregar a tecnoloxía dispoñíbel. A Staff Training Week, que está a reunir a 50 expertos de trece países da Unión Europea, constitúe en boa medida un achegamento ao pasado, o presente e o futuro da relación universidades-TIC. Entre as varias conclusións ás que se chegou na primeira xornada de traballo, a deste luns, cómpre salientar a seguinte: que o investimento nas novas tecnoloxías tradúcese en progreso social e económico, sempre e cando se empreguen do mellor xeito posíbel. En definitiva, a aposta polas tecnoloxías non é unha aposta a calquera prezo, xa que por si soas non funcionan.
Así o fixeron saber o reitor, Salustiano Mato, e máis o vicerreitor, Manuel Fernández Iglesias, no acto de apertura das xornadas: “O futuro de Europa depende da innovación e as universidades teñen que desempeñar un papel activo neste mundo globalizado”, sinalaron. Este foi, precisamente, un dos eixes temáticos principais do primeiro día de traballo, e así o corroborou o propio vicerreitor no seu relatorio: “O bo emprego das tecnoloxías da información poden facerte moito máis visible internacionalmente pero para conseguir isto sempre tes que ter en conta ás persoas as que vai dirixida”.
Tras a xornada de apertura deste luns o encontro continuará estes martes cun panel de traballo que se centrará na importancia das redes sociais a prol da internacionalización das universidades. Durante esta xornada os profesores Maribel del Pozo (Universidade de Vigo) e Anabel Borja (Jaume I de Castellón) falarán sobre a importancia de contar cunha boa rede de traballo co fin de crear unha plataforma plurilingüe de tradutores e intérpretes xurados. O mércores, engade a Universidade na súa web, os participantes poranse ao día no papel da televisión e os medios audiovisuais no ámbito da educación e da promoción das universidades; o xoves, nas estratexias de comunicación nun mundo conectado e, xa o venres, nas dobres titulacións.

PUBLICIDADE