As autoridades deteñen a John McAfee en Guatemala

venres, 7 de decembro do 2012 Marcus Fernández

A ansiedade dos últimos días levaron a John McAfee a ter que ser hospitalizado varias horas en Guatemala

O mes pasado comentamos que John McAfee estaba a captar moita atención mediática, non polo súa face tecnolóxica, senón polo seu discutible estilo de vida e a súa fuxida das autoridades de Belice, que buscan ao pioneiro do software anti-virus para interrogalo sobre o asasinato dun veciño. Nas últimas horas esta historia está a chegar ao seu apoxeo, e despois de que unha publicación desvelase accidentalmente a localización de McAfee (por mor dos datos GPS almacenados nunha imaxe dunha entrevista a este personaxe situándoo preto de Río Dulce en Guatemala) a súa detención por entrar ilegalmente en Guatemala era inevitable. Agora iniciouse un proceso de expulsión a Belice, rexeitando o Goberno de Guatemala a petición de asilo político por parte de McAfee (quen acusa ás autoridades de Belice de estar a tenderlle unha trampa para quedar cos seus cartos) e asegurando os responsables da Embaixada Norteamericana en Guatemala que non poden facer para facilitar o regreso de McAfee aos EE.UU. (segundo comentou o propio John McAfee a través dun blog que actualizou durante todos estes días, incluso durante a súa detención). Ao parecer, o estrés dos pasados días provocaron que McAfee tivese que ser hospitalizado cunha crise nerviosa e con posibles problemas cardíacos, aínda que xa foi dado de alta.

PUBLICIDADE