As aulas do CMG acollerán no mes de outubro os Obradoiros de CreACCIÓN Informativa

luns, 17 de setembro do 2007 Raquel Noya

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG) vén de presentar os Obradoiros de CreACCIÓN Informativa, unha iniciativa pioneira a nivel mundial na que xornalistas profesionais compartirán as súas técnicas e métodos de traballo con blogueiros non profesionais que (a fin de contas) exercen tamén de comunicadores na Rede. O gran obxectivo destes obradoiros, que se desenvolverán do 1 ó 4 e do 8 ó 11 de outubro no Centro Multimedia de Galicia, é achegar as estratexias e metodoloxías xornalísticas a un tipo de comunicación emerxente que carece de pautas profesionais.
Na presentación destas xornadas, que se celebrou o pasado venres no Club Internacional de Prensa, en Santiago de Compostela, Javier Monjas, editor do blog Nuevodigital.com sinalou que “os obradoiros non pretenden formar xornalistas en oito días, pero si darlles ás persoas que asistan, as bases dos principais xéneros xornalísticos, de recompilación e contrastación da información”.
Os devanditos Obradoiros de CreACCIÓN Informativa son de balde e poderán participar neles todos aqueles internautas que, dende hoxe, se inscriban na páxina web do Centro Multimedia de Galicia.

PUBLICIDADE