As aulas CeMIT conectarán a preto de 1.600 nenas e nenos con Papá Noel a través de videoconferencia

luns, 9 de decembro do 2019 Redacción

Como vén sendo tradición por estas datas, a rapazada da nosa terra vai poder ter contacto directo con Papá Noel e a súa residencia de Laponia a través de videoconferencia (streaming). Isto será posíbel grazas ás tecnoloxías integradas nas aulas CeMIT dos nosos concellos. En total, serán case 1.600 alumnas e alumnos de educación infantil os que teñan a oportunidade de falar con Papá Noel e facerlle as súas peticións persoais de Nadal. A actividade desenvolverase en 32 concellos da nosa xeografía entre os días 10 e 20 de decembro.
As comunicacións co Pai Natal comezarán como dixemos este martes 10 de decembro, a partir das 10.00 horas. E farano nos concellos de Marín, Celanova, Bande, Campo Lameiro e Xunqueira de Ambía, cunha duración de media hora en cada localidade, ao longo da cal os escolares de infantil de cada termo municipal poderán facer as súas peticións e desexos.
Nos seguintes días, ata o 20 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Arzúa, Bande, Barreiros, Bearíz, Betanzos, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Catoira, Celanova, Cerceda, Fisterra, A Fonsagrada Leiro, Marín, Muros, Narón, Negreira, Ortigueira, Pontedeume, Quiroga, Ribeira, Riotorto, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, ata completar así as 32 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 1544 nenos e nenas en 50 sesións

Conferencia co Pai Natal na aula CeMIT de Celanova

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as alumnas e alumnos maiores de idade do Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos, o alumnado con necesidades educativas especiais de Vilagarcía de Arousa e as persoas da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da comarca de Barcala en Negreira.
O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu duodécimo aniversario e que, en palabras dos seus organizadores “conta cun gran interese e aceptación entre a comunidade educativa”, será facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.
Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter “estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”.

PUBLICIDADE